A Deputación colabora con Gastromar para promocionar os produtos do mar das lonxas de Ribeira e de Aguiño
O presidente provincial estivo presente na inauguración do evento, que está organizado pola Asociación de Empresarios de Ribeira e cumpre a súa terceira edición
Formoso puxo en valor a "vinculación ao mar" do municipio ribeirense e recalcou a enorme transcendencia do sector na economía local, no que resulta chave o feito de ser "o principal porto de baixura de Europa"
A Deputación da Coruña colabora con Gastromar para promocionar os produtos do mar das lonxas de Ribeira e Aguiño. A terceira edición do evento gastronómico, organizado pola Asociación de Empresarios de Ribeira, inaugurouse esta mañá na Praza España ribeirense. No acto estivo presente o presidente provincial, Valentín González Formoso, o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Francisco Martínez, o director xeral de Pesca, Antonio Basanta, e o alcalde do municipio, Luís Pérez Barral.
O presidente provincial destacou a "vinculación ao mar" da localidade, que vai desde a súa propia toponimia á enorme transcendencia do sector na economía local. Formoso destacou que o ribeirense é o "principal porto de baixura de Europa" e conta con, aproximadamente, 250 embarcacións de pesca. Así mesmo, lembrou que a lonxa de Ribeira foi a que rexistrou máis descargas de peixes e mariscos en Galicia no 2023. O dirixente especificou que a lonxa de Aguiño, situada na homónima parroquia da localidade, tamén se situou entre as 15 galegas con máis descargas durante o pasado ano.
"O mar é unha fonte de emprego e económica fundamental na provincia e máis especialmente nesta comarca e no Concello de Ribeira. Por iso, desde a Deputación da Coruña, cómpre apoiar na promoción dos produtos que aquí se pescan non só en cantidade, senón tamén en calidade", apuntou Valentín Formoso.
Durante a inauguración levouse a cabo unha cata destes produtos locais que, entre hoxe día 23 e o domingo 25, se ofrecerán nos 'foodtrucks' situados na Praza de España e que abrirán de 13:00 a 16:00 e de 20:00 a 23:00 horas. Haberá dez variedades de peixes e mariscos, ademais de bebidas co viño da IXP Terra do Barbanza e Iria como produto destacado. Ademais, a oferta completarase con actividades como 'showcookings', actuacións musicais e eventos de ocio infantil.