A Deputación impulsa os investimentos das asociacións veciñais, asociacións de mulleres e comunidades de augas cun programa de axudas de 500.000 euros
As axudas previstas irán dos 1.000 aos 28.000 euros, en función dos orzamentos presentados por estas entidades sen ánimo de lucro
A execución de obras ou adquisición de mobiliario e equipamento técnico poderán obter un financiamento de ata o 80% do seu prezo total
A Deputación da Coruña vén de aprobar as bases reguladoras do programa de Subvencións para entidades sen ánimo de lucro da provincia da Coruña para a realización de investimentos de promoción económica durante o ano 2024.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou este venres, 30 de agosto, as devanditas bases, que oficializan un programa de subvencións cun importe total de 500.000 euros cos que a Deputación da Coruña impulsará os investimentos e actividades de asociacións veciñais, asociacións de mulleres e comunidades de usuarios de augas.
Así, estas tres figuras de entidades poderán optar a subvencións de entre 1.000 e 28.000 euros ata acadar un 80% do orzamento presentado para a execución de obras e a adquisición de mobiliario ou equipo técnico.
De xeito máis concreto, as asociacións veciñais poderán financiar a través desta liña de axudas a execución de obras ou equipamentos de interese xeral no ámbito parroquial, municipal ou comarcal como abastecemento, iluminación, acondicionamento de camiños, adecuación de locais ou compra de mobiliario ou equipo informático.
Pola súa banda, as asociacións de mulleres poderán optar a recibir esta axuda para melloras de inmobles da súa titularidade; adecuación dos locais en materia de accesibilidade, eléctrica ou contra incendios, adquisición de mobiliario ou equipamento informático ou compra de materiais de uso técnico e artístico vinculados ao desenvolvemento da programación das actividades da entidade, entre outras.
Por último, a execución de obras ou equipamentos de interese xeral no ámbito parroquial, municipal ou comarcal relativas ao saneamento e abastecemento de augas son as actuacións subvencionables no caso da figura das comunidades de usuarios de augas.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou a importante labor de promoción da igualdade de xénero, participación cidadá ou prestación de servizos básicos á cidadanía que realizan este tipo de entidades, especialmente no ámbito rural. Precisamente por iso, apuntou, a Deputación debe estar ao seu lado e proporcionarlle recursos para fomentar a súa actividade.
A bases reguladoras do programa poden consultarse en:
https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2024/08/30/2024_0000006095.pdf