A Deputación cede á ANPA do Colexio Rural Agrupado Nosa Señora do Faro de Ponteceso unha furgoneta para o transporte do alumnado ao comedor escolar e actividades
O vehículo solucionará o problema do transporte que os pais e nais dos pequenos cubrían ata agora cun servizo de taxi
Formoso destaca que colexios rurais como este "sobreviven a base da implicación e cariño das ANPAS e do profesorado"
O presidente provincial, Valentín González Formoso, e a deputada Mónica Rodríguez participaron esta mañá en Ponteceso na cesión dunha furgoneta da Deputación ao ANPA do Colexio Rural Agrupado (CRA) Nosa Señora do Faro.
A furgoneta, de nove prazas, dá resposta a unha antiga demanda tanto da dirección do centro escolar como das nais e pais deste colexio rural pontecesán para poder cubrir os traslados ao comedor escolar e as actividades de tarde do CRA para nenos de 6 a 8 anos procedentes de colexios de Ponteceso, Malpica e Cabana.
"A necesidade era moi grande porque o CRA consta de seis escolas e para centralizar o servizo de comedor tiñamos que desprazar aquí aos alumnos. O servizo de comedor é o que permite conciliar aos pais, pero se son os pais e nais os teñen que traer aos nenos non cumpre esta función", explicou a presidenta do ANPA, Isabel Freijeiro,que explicou que "financiar o transporte dos alumnos con buses ou taxis, como estabamos facendo, era inviable, así que empezamos a buscar solucións, e petamos en moitas portas ata que a Deputación nos ofreceu esta solución, pola que estamos moi agradecidos, explicou.
Pola súa banda, o presidente Valentín González Formoso destacou que a cesión do vehículo "é un xesto moi pequeno para a Deputación, pero axuda a resolver un gran problema nesta pequena escola do rural que sobrevive a base de implicación e cariño por parte das pais e nais e as profesoras do centro, que pelexan para que isto siga aberto, para que non se pechen os colexios rurais que están pechando por toda Galicia e que son un sustento básico para as nosas vilas".
"Esta furgoneta que estaba nunha nave da Deputación, ten agora unha segunda vida para facer un pouco mellor a vida dos pais e nais de máis de 40 alumnos. É un día moi feliz, e ímonos moi satisfeitos de poder axudar a resolver un problema", afirmou Formoso.
Acompañados da directora do centro escolar, da presidenta da ANPA e de numerosos pais e nais e alumnos e alumnas do centro, Formoso coñeceu as instalacións do CRA e os servizos que ofrece, que ademais dun servizo de comedor de calidade, contratado cun restaurante local, inclúe actividades extraescolares e lúdicas para os pequenos durante a tarde como biblioteca, lectura, arte e traballos manuais, facilitando así a conciliación laboral e persoal dos seus pais.