Once clubs e 338 deportistas participan este sábado no lago das Pontes na final do ‘III Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña’
Mañá sábado, 7 de setembro, celebrarase no lago das Pontes a última proba do 'III Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña', tras as catro probas xa realizadas durante o verán en Pontedeume, Betanzos, As Xubias (A Coruña) e Boiro.
Nesta derradeira regata participarán deportistas das categorías prebenxamín, benxamín e alevín, que competirán en 1.500 metros; e infantil e cadete, que se enfrontarán en 3.000 metros.
A proba, que terá lugar no lago pontés, a partir das 9.30 horas, contará coa participación de 338 deportistas de 11 clubs da provincia.
Ao remate da competición, previsto para as 13.00 horas, o deputado de Deportes, Antonio Leira, participará no acto de entrega de trofeos aos deportistas e clubs vencedores tanto da proba das Pontes como na clasificación xeral do circuíto.