Estás en:Novas

A Deputación da Coruña financia a programación cultural do Auditorio de Galicia e as obras de acondicionamento do Centro de Interpretación de Arte Rupestre de Santiago de Compostela

O presidente Valentín González Formoso e a alcaldesa Goretti Sanmartín asinaron hoxe os convenios, que suman un investimento de 425.000 euros para potenciar a oferta cultural e patrimonial de Santiago

A Deputación da Coruña financia a programación cultural do Auditorio de Galicia e as obras de acondicionamento do Centro de Interpretación de Arte Rupestre de Santiago de Compostela

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, asinaron esta mañá na sede da institución provincial os convenios para financiar as actividades do Auditorio de Galicia durante o 2024 e o acondicionamento da antiga escola de Villestro como Centro de Interpretación de Arte Rupestre.

No acto de sinatura dos acordos participaron tamén a deputada de Cultura, Natividad de Jesús González e de Patrimonio, Xosé Penas Corral.

Segundo explicou Formoso, "ambos convenios suman un investimento de 425.000 euros por parte da Deputación para colaborar co Concello de Santiago e potenciar a súa oferta cultural e patrimonial".

No caso do Auditorio de Galicia, mediante o financiamento, un ano máis, "dun programa de actividades multidisciplinares que en enchen este recinto de cultura ao longo de todo o ano e que, ademais de dar estabilidade a unha programación da mellor música clásica, inclúe actividades van desde a literatura ao patrimonio, pasando polas artes escénicas", segundo afirmou o presidente da Deputación.

No caso do acondicionamento do local de Villestro, Formoso explicou que os 225.000 euros contemplados no acordo irán destinados a "transformalo nun centro de interpretación de arte rupestre que será referencia na comarca, no marco do proxecto Compostela Rupestre, que promove a Deputación e do que tamén forman parte Ames, Teo, Brión e Val do Dubra".

Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, agradeceu a colaboración da Deputación para financiar a programación anual do Auditorio de Galicia "que como indica o seu nome, acolle actividades supramunicipais, con importantes concertos, a presenza da Real Filarmonía, obras de teatro... un abano de actividades moi amplo e con gran calidade cultural", así como pola achega "para recuperar unha vella escola, que precisa dun arranxo importante para convertelo nun centro de interpretación, dentro do proxecto Compostela Rupestre que trata de poñer en valor a arte rupestre da comarca".

Centro de interpretación rupestre de Villestro

Para o acondicionamento do centro de Villestro, a Deputación financiará o 100% do orzamento das obras, que ascende a 225.857,18 euros, IVE incluído.

O inmoble e a parcela sobre os que se vai actuar están situados na parroquia de Villestro, no lugar de Feáns, e forman parte na actualidade dun equipamento comunitario docente público de Infantil e Primaria. Dito espazo vaise adecuar para convertelo no novo Centro de Interpretación de Arte Rupestre xa que aínda que o inmoble está parcialmente acondicionado, polo paso do tempo e a falta de uso e mantemento é preciso volvelo acondicionar.

Actuarase na edificación substituíndo o pavimento e demolendo o forxado da planta baixa para instalar un novo. O acceso ao inmoble realizarase pola zona central e en fronte está o núcleo de aseos e a escaleira. Este sector será remodelado para crear un aseo que cumpra as condicións de aseo adaptado. A planta alta é diáfana e así seguirá sendo, co obxectivo de realizar exposicións, pero reforzarase a súa iluminación. Tamén se mellorará a instalación de ventilación e se actuará en materia de carpintería.

Mentres, na parcela, de 5.585 metros cadrados, está prevista unha actuación para mellorar o acceso. Construiranse prazas de aparcadoiro para un autobús, cinco coches e o mesmo número de bicicletas. Tamén deberá dispoñer de acceso peonil adaptado.

O prazo de execución destes traballos é de seis meses e dividirase en dúas fases: unha primeira para o acondicionamento do edificio e a segunda, de urbanización da parcela.

Actividades culturais do Auditorio de Galicia

Para as actividades do Auditorio de Galicia, a Deputación achega 200.000 euros, que supoñen o 80% do orzamento total da programación cultural do recinto en 2024. Esta colaboración desenvólvese baixo a premisa da importante labor cultural que desenvolve o Auditorio de Galicia, que excede as marxes do municipais e consolida a Santiago de Compostela como un referente cultural da comarca e a provincia.

Coa súa colaboración económica, a Deputación da Coruña fai posible desenvolver actividades como as Xornadas de Ilustración Urbana, o evento Patrimonio C, o Ciclo Lied en colaboración con Amigos da Ópera de Santiago, os Festivais C de música, letras, circo e escena; a Gala aRi(t)mar, as Xornadas de Música Contemporánea ou os concertos familiares.