O III ciclo de concertos ‘Noites na Cidade Vella’ volve unir na Coruña música de cámara e arquitectura co apoio da Deputación
O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, insistiu na "necesidade da colaboración entre as administracións e o sector privado para facer realidade iniciativas coma esta, que achegan a cultura a cidadanía dende o respecto, a contemplación, a aprendizaxe e a posta en valor de espazos de gran relevancia arquitectónica e patrimonial; entre eles, o Teatro Colón"
A área de Cultura da Deputación volve colaborar coa Fundación Rogelio Groba para achegar á cidadanía o ciclo 'Noites na Cidade Vella', cuxa terceira edición ofrecerá na Coruña, do 13 de setembro ao 12 de outubro, nove concertos de música de cámara noutros tantos espazos senlleiros da cidade.
Esta mañá presentouse o programa na casa do Concello da Coruña, nunha rolda de prensa na que participaron o deputado de Patrimonio, Xosé Penas; o concelleiro de Cultura coruñés, Gonzalo Castro, e o director da Orquestra de Cámara Galega, Rogelio Groba Otero.
"Este ciclo de concertos", dixo Penas, "é posible en parte grazas a achega que fai o departamento de Cultura provincial a través das súas liñas de subvencións para fundacións, pero tamén representa dalgún xeito, o mesmo que o noso festival 'Espazos Sonoros', do que estamos a gozar este mes, moito polo que traballamos dende a área de Patrimonio: a cultura, o patrimonio en si mesmo, a arquitectura das cidades e a historia".
O deputado insistiu na "necesidade da colaboración entre as administracións e o sector privado para facer realidade iniciativas coma esta, que achegan a cultura á cidadanía dende o respecto, a contemplación, a aprendizaxe e posta en valor de espazos de gran relevancia arquitectónica e patrimonial; entre eles o Teatro Colón".
Os recitais
13 de setembro. 20 horas. Fundación Luis Seoane: Ensemble da Fundación Groba.
14 de setembro. 20 horas. Auditorio da sede de Afundación: Trío Ravel.
19 de setembro. 20.30 horas. Igrexa das Capuchinas: Concerto 1700.
21 de setembro.
• 12 horas. Museo de Belas Artes: Dúo Índigo.
• 20 horas. Igrexa de Santa Lucía: Orquestra de Cámara Galega.
26 de setembro. 20 horas. Reitorado da Universidade da Coruña, na Mestranza: Álvaro Sieira Ferreira.
3 de outubro. 20 horas. Capitanía Xeral: Maude Gratton.
6 de outubro. 20 horas. Teatro Colón: David Finckel e Wu Han.
12 de outubro. 20.45 horas. Igrexa dos Dominicos: Orquestra de Cámara Galega.