Preto de 350 alumnos e alumnas inician o novo curso escolar no IES Rosalía Mera da Deputación da Coruña
A deputada de Educación, Yoya Neira, destaca os 68 anos de historia do centro e a calidade da súa formación, que permite un elevado índice de inserción laboral do alumnado
A conferencia inaugural foi a cargo do deportista do equipo paralímpico español de tenis de mesa, Alberto Seoane Alcaraz
A deputada delegada da área de Educación, Yoya Neira, inaugurou esta mañá o curso escolar 2024-2025 no IES Rosalía Mera da Coruña. Ao acto, no que se entregaron tamén os diplomas aos mellores expedientes do curso anterior, asistiu tamén o director do centro, Genaro García, e contou cunha conferencia inaugural a cargo do deportista do equipo paralímpico español de tenis de mesa, Alberto Seoane Alcaraz.
A deputada de Educación destacou os 68 anos de historia co centro "ofrecendo unha formación de calidade e oportunidades educativas a varias xeracións de coruñeses".
Con preto de 350 alumnos e alumnas e un cadro de persoal de 30 docentes, o IES Rosalía Mera da Deputación da Coruña oferta un total de once ciclos formativos de FP que van desde as artes gráficas ou a carpintería á mecánica ou o mantemento industrial e que "fan posible que os nosos estudantes adquiran coñecementos e habilidades que os preparan para afrontar os desafíos laborais", afirmou Neira, que tamén se referiu ao cambio de nome do centro, que desde 2021 leva o nome de Rosalía Mera "unha filántropa que deixou un legado moi importante nesta terra e que, ademais do seu espírito emprendedor se caracterizou polo seu apoio á educación".
Neira destacou que a Deputación "seguiremos potenciando este centro, dotándoo das instalacións e os medios materiais e humanos que permitan manter a calidade do ensino que aquí se imparte, e que fai que os nosos alumnos logren un elevado índice de inserción laboral".