Regueira celebra os bos datos do turismo en 2024 e anuncia que a Deputación reforzará a liña de axudas ao sector MICE
O vicepresidente participou onte á noite na Noite de Embaixadores, onde pediu unha nova lei de turismo que responda aos retos actuais, e medidas para buscar solucións á crise de man de obra do sector, mellorar a conectividade exterior con mercados clave para atraer a un perfil de visitante con maior capacidade adquisitiva e para xestionar con máis eficacia a percepción do turismo na sociedade
O titular de Turismo entregoulle á doutora Marisa Crespo o Premio Embaixadora A Coruña MICE Evento Internacional
A Coruña acolleu onte á noite a segunda edición da Noite de Embaixadores, un evento clave para promover o turismo MICE (Reunións, Eventos, Incentivos, Congresos e Exposicións) e recoñecer o traballo dos profesionais que posicionan a cidade como un destino de referencia para a organización de grandes eventos. La gala, organizada por A Coruña Convention Bureau, co apoio da Deputación, celebrouse en EXPOCoruña, nun acto, conducido polo xornalista Pablo Portabales, no que interviron e entregaron os galardóns o vicepresidente provincial, Xosé Regueira; o presidente de Convention Bureau, José Blanco, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.
Na súa intervención, Regueira subliñou a importancia de avaliar os datos turísticos de maneira integral, no só centrados na temporada alta, "e máis tendo en conta que o sector, tan importante para a nosa economía, representa arredor dun 14 por cento do Produto Interior Bruto". Así, destacou que os datos dos primeiros cinco meses de 2024 "reflicten unha mellora significativa na desestacionalización do turismo, o que posiciona á Coruña como un destino competitivo fóra do período estival".
Ademais, recoñeceu o papel clave do sector de congresos e eventos neste crecemento: "O sector dos eventos e dos congresos durante todo o 2024 estivo programando grandes citas profesionais, e iso repercute para ben na oferta da hostalería e aloxamento". "Por iso", engadiu, "aproveito esta velada para anunciar que a Deputación reforzará a súa aposta por fortalecer a liña de axudas ao sector MICE, e en concreto a Convention Bureau Coruña".
Con todo, Regueira sinalou destacou a necesidade dunha nova lei de turismo que responda aos retos actuais, e de medidas "para facer fronte a algúns desafíos pendentes: solucionar a falta de mano de obra cualificada na hostalería, xestionar con máis eficacia a percepción do turismo sociedade, mellorar a conectividade con mercados clave para atraer a un perfil de turista con maior capacidade adquisitiva, e acabar con fenómenos turísticos que crean problemas sociais, caso das vivendas de uso turístico ou o autocaravanismo incontrolado".
"Estou seguro", rematou, "que o 2025 seguirá sendo un ano de grande actividade de eventos e congresos nesta cidade e que, ademais, cos éxitos deportivos do Básquet Coruña na ACB e cun Deportivo xa encamiñado de volta á elite do fútbol mundial, os éxitos positivos para o sector na Coruña están garantidos".
Logo da súa intervención, o vicepresidente entregoulle á doutora Marisa Crespo o Premio Embaixadora A Coruña MICE Evento Internacional.