O pleno da Deputación insta á Xunta a retirar a suba dun 30% no canon de Sogama
PSOE e BNG destacan que os concellos pasan de pagar 66 euros a 108 euros por tonelada, "o que vai ocasionar un gran impacto nas arcas municipais e no recibo que paga a veciñanza"
Inciden en que "hai un problema no modelo" debido á aposta da Xunta pola incineración e centralización do tratamento do lixo
A Deputación da Coruña aprobou no pleno de hoxe cos votos favorables de PSOE e BNG, a abstención de Alternativa dos Veciños e o voto en contra do PP, unha moción presentada por socialistas e nacionalistas rexeitando a suba nun 30% do canon que os concellos pagarán en 2025 a Sogama polo tratamento de residuos. Na mesma sesión, o pleno rexeitou unha moción do PP na que se pedía ao Goberno central que suprima todos os impostos que gravan a actividade do tratamento de residuos.
A suba do canon suporá para os concellos pasar dos 66 euros actuais a 108 euros por tonelada de lixo, "o que vai ocasionar un gran impacto nas arcas municipais e no recibo que paga a veciñanza", advirte o texto da moción aprobada hoxe polo pleno, no que se insta á Xunta a manter o canon establecido aos concellos galegas adscritos á xestión de residuos en Sogama nos 66,00 euros.
"Senón, bonifiquen o 100% da suba. ¿Por qué anuncian unha bonificación do 60% e non do 100% ?", afirmou o portavoz do PSOE, Bernardo Fernández, que considerou que en Galicia "hai un problema de modelo do tratamento do lixo, que segue exactamente igual desde 2008, e que aposta basicamente pola incineración, o modelo menos ecolóxico, pese a que saben que as directivas europeas van polo camiño de que o que contamina, paga".
Neste sentido, Fernández lembrou que, "aínda que o PP trata unha vez máis de culpar disto ao Goberno de España, parte dunha premisa falsa porque a realidade é que non parte dunha lei estatal, senón da trasposición dunha directiva europea, que parte de 2018, cando gobernaba o señor Rajoy", afirmou.
"O que piden é que o Goberno de España incumpra unha directiva europea", afirmou o portavoz socialista, que pediu tamén manter a anterior bonificación do 15% da que se beneficiaban 118 municipios galegos pola implantación do contedor marrón.
Pola súa banda, a deputada Avia Veira incidiu tamén neste aspecto: "O taxazo ten causas e consecuencias. O PP culpa ao Goberno pero obvia a directiva europea" e criticou "a aposta da Xunta pola incineración, que sitúa a Galicia na cola do reciclaxe, cun 21% cando tiñamos que reciclar o 50% dos residuos".
Veira censurou tamén "a deriva suicida" da ampliación de Sogama, priorizando incineración e vertedoiro" en detrimento doutros sistemas máis ecolóxicos e sustentables.
A moción aprobada pide ao goberno galego que mude a súa política de xestión de residuos cara unha xestión descentralizada con plantas de proximidade; e primando a redución e a reciclaxe fronte á incineración e o depósito en vertedoiro, axudando economicamente aos concellos para a implantación do contedor marrón ou formas análogas de tratamento diferenciado dos residuos orgánicos
Tamén esixe que se reparta a contía de 12.100.000 millóns de euros en concepto de Fondo Ambiental entre todos os concellos galegas, utilizando como criterio de reparto o número de toneladas depositadas por cada concello. Trátase de diñeiro que pertence ás entidades locais ao seren detraído do Fondo de Cooperación Local.
Promover a redución de produción de lixo, a recollida separada de materia orgánica, crear programas de compostaxe domiciliario e/ou comunitario en concellos, ou o incrementar as subvencións aos concellos para implantación de medidas que contribúan á reciclaxe dos biorresiduos, na medida en que boa parte dos pequenos concellos non dispoñen dos recursos para a implantación da recollida selectiva da fracción orgánica, son outras das propostas recollidas no texto aprobado hoxe pola corporación provincial.