A Deputación da Coruña insta á Xunta os cumprir ratios de alumnado, dotar de persoal de apoio aos colexios e desenvolver un plan para manter a calidade do ensino no rural
As federacións de Anpas veñen denunciando que en numerosos centros de ensino da provincia, maioritariamente de zonas rurais, se estarían a producir agrupamentos de alumnado de cursos distintos o que incumprirían os acordos asinados no ano 2023
O texto insta á Xunta a dotar de persoal de apoio para alumnado con necesidades especiais que permita a verdadeira integración
Co fin de garantir a escolarización nos núcleos rurais os grupos instan á administración autonómica a crear un plan específico para facer fronte ao mantemento da calidade educativa no medio rural
O pleno da Deputación da Coruña aprobou unha moción presentada polos grupos provinciais do PSdeG-PSOE e BNG na que instan á Xunta de Galicia a cumprir os ratios de alumno por profesor, dotar de persoal de apoio suficiente os colexios galegos e desenvolver un plan específico para manter a calidade do ensino no rural.
O texto foi aprobado cos votos favorables de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular.
No mesmo, ínstase á administración autonómica a non limitar a matrícula nos primeiros cursos de cada ciclo e realizar o desdobre de unidades necesarias, así como a dotación de recursos humanos e materiais que fagan posible o cumprimento das ratios máximas.
Segundo explicaron no pleno, as federacións de Anpas veñen denunciando que en numerosos centros de ensino da provincia, maioritariamente de zonas rurais, se estarían a producir agrupamentos de alumnado de cursos distintos o que incumprirían os acordos asinados no ano 2023 cos sindicatos. De feito, o acordo prevía a devandita a agrupación de cursos distintos nunha mesma aula só no caso que a suma dos diferentes niveis dera lugar a un grupo máximo de 14 alumnos (se todos eran do mesmo ciclo) e de 12 (se eran de ciclos distintos).
Integración do alumnado con necesidades educativas especiais e plan para os colexios rurais
Por outra banda, a moción aprobada insta á Xunta de Galicia a dotar de persoal de apoio destinado ao alumnado con necesidades especiais e que permita a verdadeira integración do alumnado con necesidades educativas especiais.
A moción tamén fai referencia á limitación de recursos nas zonas de ensino rurais, onde as escolas carecen de profesorado ou a carga de traballo dos docentes está moi saturada. Sinalan que a Xunta reduciu os recursos, especialmente humanos, para a escala pública, e nomeadamente nas zonas rurais. "Unha falta de profesorado que prexudica ao conxunto do alumnado e aos propios docentes, cunha carga de traballo e saturación por riba do normal e do soportable", sinala a moción. Denuncia, o texto aprobado, que "non se pode traballar igual nunha aula só con alumnado de primeiro curso, que traballar neutra con alumnado de primeiro e segundo ou traballar noutra con alumnado de primeiro, segundo e terceiro, sobre todo cando no momento da programación do próximo curso existe incerteza de como será a organización e a dotación de recursos".
A consecuencia desta carencia de recursos e que as familias non teñan garantida a escolarización de seus fillos e fillas e decida trasladalos ás cidades, unha medida que deriva no despoboamento do rural e na redución de servizos educativos destes municipios menos poboados.
"Esta incerteza fai que, como sucedeu o ano pasado, as familias que non teñen garantida a escolarización no centro do seu concello decida trasladar aos nenas a cidades próximas coa conseguinte despoboamento dos centros de ensino e do rural", explican.