Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e Fundación Paideia impulsan unha nova edición do programa de voluntariado social en países europeos

O acordo permitirá a 500 mozas e mozos da provincia mellorar as súas competencias mediante o voluntariado

A Deputación da Coruña e Fundación Paideia impulsan unha nova edición do  programa de voluntariado social en países europeos

A Deputación da Coruña e a Fundación Paideia continúan un ano máis impulsando o voluntariado social en países europeos mediante un programa dirixido á mocidade da provincia en situación de desemprego. O ente provincial apoia á entidade a través do financiamento das actividades formativas e informativas do programa.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e Sandra Ortega, presidenta da Fundación Paideia Galicia, rubricaron o convenio, a través do que a Deputación da Coruña achegará 17.000 euros, o 70% do custo total da iniciativa.

Cada ano participan neste voluntariado mozos e mozas coruñeses de entre 18 e 30 anos. Neste exercicio, a iniciativa volverá a achegar a 500 mozos e mozas a oportunidade de saír ao estranxeiro para un período de voluntariado social en organizacións sen ánimo de lucro que vai de 6 a 12 meses de duración e que contribúe a mellorar as súas competencias persoais e profesionais

O programa consta de tres fases, a primeira delas conformada por actividades formativas e de contextualización que proporcionarán información técnica e práctica previas á saída dos e das participantes.

A segunda, a execución do proxecto no país de destino e a terceira e última, ao regreso,explicará as posibilidades de proxección no mundo laboral de todos os coñecementos e capacidades aprendidas durante a experiencia.

"O voluntariado social non só contribúe a abrir novos marcos e perspectivas vitais, senón tamén profesionais", destacou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que tamén sinalou que "con tipo de accións contribúen a adquirir novas competencias en cuestións como os idiomas e a promover unha cultura participativa e solidaria entre a mocidade, o que o converte nunha experiencia única para os e as participantes", afirmou.

Máis información en:

https://www.paideia.es/voluntariado-europeo/