Estás en:Novas

A deputada de Emprego visitou o coworking Lab Barbanza de Boiro

É un dos once centros da Rede de Coworkings da Deputación na provincia

A deputada de Emprego visitou o coworking Lab Barbanza de Boiro

A deputada da área de Indsutria e Emprego da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, visitaron esta mañá o espazo coworking Lab Barbanza do Concello de Boiro, que forma parte da Rede Provincial de Coworking para coñecer os proxectos emprendedores que están a desenvolver e a actividade no centro.

Durante a xornada visitaron as instalacións do Centro de Formación e Viveiro de Empresas, onde se alberga o espazo coworking, un centro multidisciplinar no que se imparten formacións e outras actividades relacionadas co emprego e o emprendemento: "Buscamos que este centro sexa un lugar de referencia para o emprego e o emprendemento na comarca xa que temos as instalacións que nos permiten crear sinerxías entre formación e emprego", afirmou o alcalde.

Na xuntanza tiveron oportunidade de coñecer algúns dos proxectos que están a desenvolver a súa actividade no Lab Barbanza e entre as que se atopan unha start up con enfoque tecnolóxico para a monitorización de datos; unha empresa que conecta a titulares de espazos publicitarios con empresas que buscan oportunidades para anunciarse; e un proxecto que busca dar unha solución e unha segunda vida ás algas converténdoas en extractos para o seu uso como bioestimulantes.

A deputada agradeceu ás empresas a súa implicación nos proxectos que están a desenvolver: "para nós é moi importante coñecer ás empresas que están nos centros e o traballo que están a desenvolver así como fomentar posibles sinerxías entre as iniciativas dos distintos coworkers, que é un dos principais obxectivos da rede", afirmou Rosa Ana García.