Estás en:Novas

Formoso destaca talento e innovación como “elementos imprescindibles para o progreso da sociedade”

O presidente da Deputación participou no foro Next Spain do gupo Vocento, onde reclamou máis apoio á ciencia e investigación para evitar a fuga de talento galego

Formoso destaca talento e innovación como “elementos imprescindibles para o progreso da sociedade”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá no Paraninfo da UDC na inauguración do foro Next Spain, organizado polo Grupo Vocento, sobre a importancia do talento. No acto participaron tamén a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

Formoso sostivo que a orixe natural do talento "foi durante anos obxecto de debate filosófico, desde Aristóteles a John Locke, pero o que é indiscutible é que o talento se non se traballa, morre. Como afirma o escritor Stephen King, o talento nunca é estático".

Por iso, afirmou o presidente, "debemos traballar para crear o caldo de cultivo necesario para que o talento creza e se desenvolva e para captar, motivar e reter aquí o talento galego, para poñelo ao dispor da sociedade, xa que é un dos maiores activos que temos".

A Coruña, exemplo de aposta por talento e innovación

Neste sentido, Formoso destacou que "como motor económico de Galicia, a provincia da Coruña é un territorio no que se dan múltiples exemplos de aposta polo talento e a innovación", como Inditex no mundo da moda ou Navantia no sector da construción naval, e con iniciativas como a Cidade das TIC, que creará un gran polo de innovación dixital e intelixencia artificial que aspira a ser unha referencia a nivel estatal e europeo o Coruña Estudo Inmersivo (CEI), o maior estudo audiovisual virtual de España, que está construíndo a Deputación e que pretende ser un revulsivo para o sector en Galicia.

"O maior fracaso como sociedade é cando un país renuncia a que o talento arraigue no seu lugar de orixe e as persoas con talento vense na obriga de abandonar a súa terra para poder desenvolver todas as súas capacidades, algo que sucede en Galicia en demasiadas ocasións, e que ten moito que ver co escaso investimento en ciencia e investigación, xa a que a media europea está no 2% do PIB, a española no 1,4% e a galega no 1,10%, polo que é urxente aplicar políticas que aspiren a ese 2% do PIB en I+D+i porque é base de todos os sectores produtivos da economía galega".

"Se queremos un país competitivo, innovador e con futuro debemos entender que o talento é o noso recurso máis valioso. Detectalo, motivalo, apoialo e fixalo ao territorio é unha responsabilidade ineludible que debemos asumir desde as administracións e desde o conxunto da sociedade", afirmou.