Estás en:Novas

A Deputación achega 125.000 euros para financiar o funcionamento de Exponav en Ferrol

Entre as accións deste ano destaca a primeira fase dun programa para a creación de códigos QR, que permitirán acceder a información e historia das pezas do museo

Financiaranse servizos de atención ao público, divulgación da actividade de Exponav e obras de conservación e mantemento do edificio de Ferrerías

A Deputación achega 125.000 euros para financiar o funcionamento de Exponav en Ferrol

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o xerente de Exponav, Rafael Suárez Pérez, asinaron esta mañá o convenio para financiar as actividades da Fundación e do Museo da Construción Naval durante o ano 2024.

A Deputación da Coruña achega 125.000 euros, unha achega económica destinada a financiar o funcionamento deste centro museístico único nas súas características e o máis importante do seu ámbito en toda España, cunha exposición científico-técnica que lles presenta aos visitantes a historia e evolución da construción naval, que conta cunha gran tradición da comarca de Ferrolterra e que serve ademais como punto de encontro entre a sociedade, a industria, a comunidade educativa (con numerosas visitas escolares cada ano) e a científica.

O presidente Valentín González Formoso destacou "o firme compromiso" da Deputación da Coruña con Exponav, "un museo de referencia no seu ámbito en toda España e un importante recurso turístico para Ferrol e para a unha comarca na que a construción naval estivo sempre moi presente".

Este compromiso explicítase na importante achega económica anual que a Deputación destina para financiar tanto a actividade do museo como a conservación e mellora das súas instalacións no emblemático edificio de Ferrerías, no Arsenal ferrolán.

Accións de conservación e códigos QR

Dentro das accións previstas no convenio deste ano destaca como novidade a primeira fase dun programa de creación de códigos QR para cada unha das pezas exhibidas no museo, que lles permitirá aos visitantes acceder a información detallada de cada unha delas e á súa historia de forma sinxela e instantánea a través dos seus dispositivos móbiles.

O apoio da Deputación permitirá tamén actuacións como os servizos de atención ao público, guías, visitas escolares, actividades e obradoiros e a realización de distintos traballos de conservación do edificio de Ferrerías, tanto nos teitos da primeira planta como na sala de gálibos e nos sollados da zona exterior.

Tamén se realizarán actuacións de conservación preventiva co fin de controlar axentes biolóxicos e evitar pragas de insectos e bacterias que afecten as pezas e realizarase a limpeza e mantemento exhaustivo das grandes máquinas da exposición e do almacén de maquetas.