Estás en:Novas

Os concellos da provincia da Coruña analizan as implicacións administrativas, técnicas e económicas da nova Lei de residuos

Formoso defende a necesidade de avanzar nas medidas de economía circular que establece a Lei 7/2022 e que é un dos vectores estratéxicos da UE

Só 18% do lixo chega separado a Sogama, moi lonxe do obxectivo do 55% da UE para 2025, e a planta apenas emprega o 3% da súa capacidade de compostaxe

Os concellos da provincia da Coruña analizan as implicacións administrativas, técnicas e económicas da nova Lei de residuos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, inaugurou esta mañá no Pazo de Mariñán a xornada "O modelo de xestión de residuos da Lei 7/2022. Implicacións técnicas, administrativas e económicas" organizada pola Deputación da Coruña en colaboración co Colexio Oficial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local (COSITAL) da Coruña e Pontevedra.

As xornadas están dirixidas a alcaldes, concelleiros, e persoal funcionario e técnico dos concellos da provincia co obxecto de analizar os retos que propón para os municipios desde os puntos de vista técnico, administrativo e económico-orzamentario a entrada en vigor da Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados para unha economía circular.

Formoso destacou que "os tres vectores sobre os que se sustenta o novo modelo económico da Unión Europea teñen que ver coa transición ecolóxica e a descarbonización, a dixitalización e a economía circular, que tal vez sexa a máis descoñecida" e sinalou que "o modelo de xestión de residuos que implanta a nova lei 7/2022, que bebe dunha directiva europea, incorpora a preocupación europea con respecto da valorización de residuos con políticas de economía circular, cuns obxectivos que non se están a cumprir a día de hoxe":

Neste sentido, o presidente sinalou que "en 2023, Galicia xerou 1.102.000 toneladas de residuos, máis de 400 quilos de lixo por galego, dos que só o 18% chegan separados a Sogama, un dato inferior á media nacional e que está moi lonxe do obxectivo do 55% que esixe a UE para 2025 e do 65% que prevé para 2030", afirmou.

"Tamén queda traballo por facer no ámbito da compostaxe, xa que apenas se está empregando un 3% da capacidade composteira que ten Sogama, cando arredor do 37% do lixo está conformado por materia orgánica, que podería ser compostada", sinalou Formoso, que incidiu tamén na importancia que para as economías municipais e para a cidadanía terá a suba do canon de Sogama, que xestiona o lixo de 295 concellos galegos, e que o vindeiro ano sobe de 66 a 108 euros por tonelada.

Entre os obxectivos da Lei 7/2022 está a redución na produción de residuos, a redución dos desperdicios alimentarios, dos plásticos dun só uso e do uso de vertedoiros, a recollida separada de biorresiduos domésticos e comerciais, a separación de téxtiles, aceites de cociña e aveños voluminosos e medidas fiscais de incentivo á economía circular.

A xornada de hoxe contou con relatorios de Simón Rego, conselleiro do Consello de Contas de Galicia, que abordou a problemática da contratación pública da xestión de residuos; Juan Ignacio Gomar Sánchez, inspector xefe do departamento na Subdirección Xeral de Inspección Tributaria da Axencia Tributaria do Concello de Madrid, que falou sobre as taxas locais da Lei e Javier Domínguez Lino, presidente executivo de Sogama, que falou sobre solución integral e circular para a xestión dos residuos municipais en Galicia.