Regueira destaca na II Conferencia Internacional Starlight a importancia de “preservar o ceo e o planeta”
O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, participou hoxe na inauguración da II Conferencia Internacional Starlight de Astroturismo, que se celebra en Cee ata o 4 de outubro
A casa da cultura de Cee acolleu esta mañá a inauguración da II Conferencia Internacional Starlight de Astroturismo, organizada pola Fundación Starligth co apoio da Deputación da Coruña, que se desenvolve ata o 4 de outubro e reúne a territorios certificados Starlight e profesionais especializados para intercambiar experiencias, discutir temas asociados ao astroturismo e establecer pautas para o futuro.
O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, destacou no acto a importancia de "preservar o ceo e o planeta". "Estamos nun país de luciérnagas; Galicia conta con 30.000 núcleos de poboación, e debemos buscar o equilibrio entre saber iluminar mellor os espazos e, ao mesmo tempo, que a luz nos deixe ver o ceo".
"Neste territorio temos o privilexio de conservar as catro estacións e de poder ver as estrelas" sinalou Regueira, que se referiu tamén á Costa da Morte, que conta cun selo Starlight, "o que supón un camiño de oportunidades, pero tamén a responsabilidade de preocuparnos pola conservación do planeta". Neste sentido, "debemos tomar conciencia de que non é so un certificado, senón tamén o compromiso de mellorar a iluminación para que sigamos tendo ese privilexio de ter uns ceos limpos".
O vicepresidente botou a vista atrás lembrando "o fenómeno astronómico que nos permitiu difundir este territorio máis aló das nosas fronteiras, en Xapón", nun acto celebrado en xullo onde se retransmitiu o solpor de Fisterra e o amencer na localidade xaponesa de Nachikatsuura, coincidentes moi poucos días ao ano. E, ademais, Regueira mirou a agosto do 2026, que acollerá un eclipse único; un fito que debe servirnos para promocionar o territorio pero, sobre todo, para concienciar e divulgar sobre o que pasa no ceo e cal é a nosa responsabilidade para conservalo".