Formoso destaca a importancia do patrimonio na Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, “un camiño de ferro pola propia historia do territorio”
O presidente da Deputación clausurou as xornadas "Da vía férrea á Vía Verde", nas que se analizou o impacto socioeconómico e turístico da maior Vía Verde de Galicia
Destacou que a Deputación "aspira a captar máis fondos que buscan precisamente isto, darlle unha oportunidade aos concellos de interior no ámbito do turismo sustentable"
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou esta mañá o peso do patrimonio na Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, "un camiño de ferro pola propia historia do territorio".
Fíxoo na clausura das xornadas "Da vía férrea á Vía Verde", que se desenvolveron no albergue da estación de Queixas, no municipio de Cerceda. O evento, destinado a analizar o impacto turístico, social e económico da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, contou cunha presentación técnica do proxecto, dúas conferencias con casos de éxito de vías verdes en España e unha mesa redonda con persoas expertas.
"Trátase dunha infraestrutura que implica unha esencia de respecto ao patrimonio histórico e ferroviario español", sinalou González Formoso, que incidiu na importancia de "non perder" este aspecto da vía. "Non pode ser un camiño verde sen máis, senón que é un camiño de ferro pola propia historia do territorio", lembrou o presidente provincial.
Na súa intervención, Formoso gabou "o aproveitamento dunha infraestrutura que xa estaba feita, que de ter que facerse suporía un investimento e unha agresión ao medio" e destacou "o interese de distintas administracións e entidades, que facilitan que isto fora posible".
Ademais, insistiu en "fomentar e impulsar aínda máis esta vía e outras deste tipo". "Imos aspirar a captar máis fondos que buscan precisamente isto, darlle unha oportunidade aos concellos de interior no ámbito do turismo sustentable", comentou en referencia ás futuras convocatorias de fondos europeos.
Inauguración das xornadas "Da vía férrea á Vía Verde"
A inauguración da xornada correu a cargo de Antonio Leira, deputado provincial e coordinador da Vía Verde, que destacou que "este proxecto é o cumprimento dun sono no que só crían unha ou dúas persoas hai 20 anos".
José Manuel Rodríguez, alcalde de Cerceda, puxo en valor "o traballo de todos concellos polos que pasa a vía, que exerceron de locomotora deste proxecto" e destacou a colaboración institucional entre concellos, Deputación da Coruña e Fundación de los Ferrocarriles Españoles como un elemento central para facer realidade o proxecto.
O alcalde de Cerceda incidiu tamén na "visibilidade que a Vía Verde dá a outros recursos. No caso de Cerceda non só este albergue no que nos atopamos, senón tamén ao paseo fluvial do río Cabancos, o xardín botánico e o parque acuático".
Alex Doval, alcalde de Oroso e presidente da Asociación de Concellos da Vía Verde, resaltou "o impacto na sociedade local desta iniciativa".
Jacobo Suárez, da asistencia técnica do proxecto, lembrou os pasos dados para a posta en marcha e a promoción da Vía Verde, antes de dar paso a Mónica Alonso, coordinadora da Vía Verde Montes de Hierro (Euskadi), e a Gustavo Ortiz, xerente do Consorcio Turístico del Plazaola, en Navarra, dous casos de éxito no desenvolvemento de vías verdes.
Participaron tamén nunha mesa redonda Mercedes Núñez, directora da Asociación Europea de Vías Verdes; Arantxa Hernández, xerente das Vías Verdes da Fundación de los Ferrocarriles Españoles; Guti Martín, da Axencia de Turismo de Galicia, e Paula Romero, da área de Turismo da Deputación.
A Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle
Con 26 quilómetros de lonxitude a través dos concellos de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso, a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle é a día de hoxe a maior Vía Verde de Galicia. Este proxecto crecerá aínda máis cos 10 quilómetros do treito de Santiago de Compostela, cuxas obras se iniciaron o pasado mes de setembro, e que está previsto que se completen ao longo de 2025.