A Deputación celebra o día da Xeodiversidade poñendo en valor o patrimonio, paisaxe e xeoloxía do Cabo Ortegal
Os días 5 e 6 de outubro desenvolverase en Cedeira un programa divulgativo destinado a coñecer e gozar dos recursos do Xeoparque Cabo Ortegal
Cedeira acolle o vindeiro 5 e 6 de outubro a celebración do Día Internacional da Xeodiversidade, cun programa divulgativo destinado a coñecer e gozar dos recursos do Xeoparque Cabo Ortegal recoñecido pola UNESCO en 2023.
Este evento, enmarcado no Plan de sostibilidade turística do Xeoparque Cabo Ortegal, forma parte dun esforzo internacional para dar a coñecer a riqueza xeolóxica dos países, o seu papel na biodiversidade e a importancia de protexer estes tesouros naturais para as futuras xeracións.
O Auditorio de Cedeira acollerá o día 5 de outubro ás 17.30 horas unha xornada de reflexión e debate no que expertos/as de relevancia nacional debaterán e compartirán coñecemento sobre distintos aspectos da xeoloxía e o Xeoparque Cabo Ortegal como a perspectiva biolóxica , a xeodiversidade, a arqueoloxía, o patrimonio arquitectónico, ou as potencialidades turísticas do territorio entre outros.
O evento, para público xeral e en formato coloquial, será conducido polo xeólogo, divulgador científico e influencer Nahúm Méndez que no seu perfil web "un geólogo en apuros" achega a cidadanía xeral á xeoloxía desde unha perspectiva didáctica e amena. Ademais contará coa participación da Comisión de Patrimonio da Sociedade Xeolóxica Española e de membros do Comité Científico da Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal como Manu Monge, Presidente da Comisión de Patrimonio da SGE, o investigador do INCIPIT Lois Armada, Ricardo Arenas, Catedrático do departamento de Mineraloxía e Petroloxía da Universidade Complutense de Madrid, Xan Silvar da Sociedade Galega de Historia Natural ou a profesora Ana Jesús López, secretaria xeral da Real Sociedade Española de Física, vicepresidenta do Grupo Especializado de Mulleres en Física entre outros.
O día 6 realizarase unha saída de campo para coñecer e poñer en valor recursos senlleiros do Xeoparque Cabo Ortegal. A saída será en xornada de mañá desde Cedeira con visita a varios puntos do territorio como a Santo André de Teixido, o Cabo Ortegal ou o Castelo da Concepción e rematará cunha degustación de produtos locais en Cedeira.
As persoas interesadas en inscribirse as dúas actividades ou a algunha delas poden facelo no formulario https://forms.gle/mQLrTCyM7HPzX96A6