Estás en:Novas

Culturgal Expandido leva a Arzúa unha variada proposta de música, literatura e artes escénicas

A Feira das Culturas Galegas conta este ano por primeira vez cunha sede expandida na provincia da Coruña, grazas ao apoio da área de cultura da Deputación

Magín Blanco, Lucía Aldao, Xurxo Souto, Su Garrido Pombo ou Alberto Mancebo forman parte da programación

Culturgal Expandido leva a Arzúa unha variada proposta de música, literatura e artes escénicas

A Capela da Madanela de Arzúa será este venres e sábado, días 11 e 12 de outubro, a sede do Culturgal Expandido 2024. Desta forma, a Feira das Culturas Galegas ten por primeira vez unha sede expandida na provincia da Coruña. Por Arzúa pasarán, nunha programación gratuíta, Xurxo Souto, Lucía Aldao, Magín Blanco, Su Garrido Pombo, Miguel Guido ou Alberto Mancebo, entre outros.

"A nosa vocación é de país, por iso queremos levar a feira por toda Galicia", destaca Víctor López, presidente de Culturgal, que esta mañá presentou este novo formato na Capela da Madanela xunto a Xoán Xesús Carril Ramos, alcalde de Arzúa; José Luís García López, concelleiro de Cultura, e Natividade González, deputada de Cultura da Deputación de Coruña.

López anunciou "dous días de actividades variadas dos distintos ámbitos da cultura con espazo para o público infantil e adulto, expandindo o Culturgal como punto de unión de creadores, as administracións que nos apoian e o público".

Natividade González incidiu na importancia "de que o Culturgal e todos os sectores que forman parte da cultura se acheguen ás nosas vilas e Arzúa é un sitio inmellorable para comezar".

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, amosou a súa satisfacción "por espallar a cultura no noso concello, invitando a veciñanza a vir ó Culturgal Expandido", mentres que o concelleiro de Cultura, José Luis García López, considerou "a elección do noso concello para esta feira como un recoñecemento á nosa aposta pola cultura durante todo o ano".

Programa
O Cultugal Expandido de Arzúa comeza o venres pola tarde con protagonismo literario da man das presentacións de 'Indolente', de Alberto Mancebo, e 'Tradición oral recuperada das tebras. Son contos... ou historia?', de Severino Fernández Abel, para dar paso ao espectáculo 'Clopas' (música e literatura) e o concerto de Su Garrido Pombo.

O sábado pola mañá, programación infantil con 'O lobo feliz', de Miguel Guido, e 'Caderno de cores e cancións', de Magín Blanco.

Xa pola tarde, presentación do libro 'Ser cetáceo', de Francisco X. Fernández Naval, e unha entrevista con Xurxo Souto e Lucía Aldao, que coas súas actuacións pecharán o Cultugal Expandido de Arzúa.

A feira Culturgal continuará en Pontevedra entre os días 29 e 30 de novembro e 1 de decembro.