A Deputación recibe ao embaixador de Palestina en España recalcando a necesidade de mediación da comunidade internacional para lograr a paz
A Deputación da Coruña recibiu esta mañá na sede provincial a Husni Abdel Wahed, embaixador de Palestina en España. O presidente, Valentín González Formoso, encabezou unha recepción na que tamén estivo presente o vicepresidente, Xosé Regueira, e representantes dos diferentes grupos con representación na corporación provincial.
Husni Abdel Wahed é o primeiro embaixador palestino en España desde que o noso país recoñeceu formalmente a Palestina como Estado, o pasado mes de maio.
Durante o acto, Formoso recalcou a necesidade de mediación da comunidade internacional para que cesen os enfrontamentos entre Palestina e Israel. "É un conflito que leva vixente máis de sete décadas, pero que resulta cada vez máis cruento, cuns números alarmantes ante os que non podemos permanecer impasibles", expresou o presidente provincial, que quixo lembrar as máis de 37.000 persoas falecidas entre o pasado outubro e este agosto tan só en Gaza.
Valentín González Formoso lembrou que nese lugar de tan só 365 quilómetros cadrados, epicentro do conflito, viven 2,2 millóns de persoas e a grandísima maioría xa é desprazada. "Nun territorio 21 veces máis pequeno ca nosa provincia residen case o dobre de persoas. Ademais, destruíronse xa o 60% dos edificios, sen ter en conta se son colexios ou centros médicos", lamentou o líder do goberno provincial.
Precisamente por iso, Formoso insistiu na necesidade que a comunidade internacional intensifique o seu traballo para tratar de establecer a fin da violencia. "Hai 74 anos xa se premiou a Ralph Bunche co Premio Nobel da Paz pola súa mediación. Non pode ser que tanto tempo despois as cousas foran a peor. Non conseguir a paz é fracasar como seres humanos.", precisou.
Pola súa banda, o embaixador de Palestina, desatacou "a iniciativa e liderazgo de España" na procura da paz e expresou "o cariño" do seu pobo polo noso país.