Formoso avoga pola colaboración entre administracións para a promoción de vivenda pública e de calidade
Visitou coa ministra de Vivenda, a conselleira de Vivenda e a alcaldesa da Coruña as obras das vivendas de promoción pública que se están a construír en Xuxán (A Coruña)
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá as obras dun edificio de vivendas de promoción pública no barrio coruñés de Xuxán xunto á ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez García, a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e outras autoridades locais.
As 40 vivendas que se están a construír en Xuxán supoñen un investimento de 7,7 millóns de euros dos que case 2 millóns son financiados con fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España- Next Generation EU. O prazo de construción é de 20 meses polo que se prevé que podan estar rematadas no verán de 2026.
A ministra Isabel Rodríguez, reivindicou o financiamento, a regulación e a colaboración público-privada como instrumentos para xerar vivenda pública en España.
Para iso fixo un chamamento ás administracións públicas "para que este esforzo sexa para sempre e non se desamortice o público". "O libre mercado funcionou para uns poucos e desafiuzou a miles de familias", sinalou.
A ministra subliñou o "esforzo sen precedentes" do Goberno central coa "multiplicación por oito dos fondos". No seu chamamento a outras administracións, puxo como exemplo "os 4.400 millóns" anunciados de investimento polo presidente de Cataluña, o socialista Salvador Illa, para construír 50.000 vivendas públicas.
Mentres, sobre as demandas de autonomías de máis recursos para o sistema de financiamento, a ministra aseverou que "o que non se pode facer neste país é seguir esixindo máis financiamento para política social, á vez que renunciamos a recadar para darllo aos que máis teñen, esta política necesita un compromiso fiscal e financeiro como o que mantén o Goberno de España".
Por outra banda, apelou a un "cambio de paradigma" na construción de vivenda pública con "a aposta pola calidade e pola eficiencia enerxética".
Xa sobre o alugamento, asegurou que hai "instrumentos" para abaratar o prezo do mesmo ás familias. "Poñámolos a funcionar", dixo ao incidir na necesidade de "abordar a fraude do mercado de alugueiro".
Tras a visita, Formoso destacou a importancia das políticas de vivenda para atender as demandas da sociedade e insistiu na importancia da colaboración entre administracións neste ámbito, contando co apoio tamén das administracións locais como concellos e deputacións, que aínda que non teñen competencias, están dispostas a colaboración institucional neste ámbito.
Tras a visita a Xuxán, a ministra desprazouse ao Centro Integrado de Formación Profesional de Someso para coñecer os cursos en materia de edificación e obra civil, outra dos aspectos aos que fixo referencia, incentivar a formación, para mellorar a calidade das vivendas públicas.