Estás en:Novas

A Deputación da Coruña leva aos concellos da provincia a exposición “Do mar e da terra”, que resalta a importancia do sector mariñeiro e agrogandeiro como fonte de riqueza e saída de futuro entre a mocidade

A mostra e o material didáctico interactivo fomenta o coñecemento dos recursos do mar e da terra e a excelencia da cadea agroalimentaria na provincia da Coruña

A Deputación da Coruña leva aos concellos da provincia a exposición “Do mar e da terra”, que resalta a importancia do sector mariñeiro e agrogandeiro como fonte de riqueza e saída de futuro entre a mocidade

A deputada provincial de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, destacou "o valor de difundir entre a mocidade os exemplos de innovación, calidade, éxito e compromiso co rural que existen na provincia da Coruña e a importancia de fomentar entre a mocidade as posibilidades de futuro que ofrecen para o emprendemento os sectores mariñeiro e agrogandeiro".

Foi durante a presentación do proxecto "Do mar e da terra", que se presentou esta mañá na sede da Deputación da Coruña. "O emprendemento no mundo do mar e do agro é clave para impulsar e diversificar a economía local e fortalecer o tecido social, garantindo o futuro das mozas e mozos no rural da provincia da Coruña", afirmou Capelán.

"Para a Deputación da Coruña é estratéxico contribuír a poñer en valor o rural e os seus recursos, como forma de combater o despoboamento e favorecer a igualdade de oportunidades no territorio", subliñou a responsable provincial de Mar e Medio Rural. "Moitas das mozas e mozos que agora están en escolas e institutos serán actores clave do noso futuro compartido e queremos acompañalos na reflexión sobre a idea de que poden construír ese futuro desde o seu contorno máis próximo", subliñou.

#DoMaredaTerra destaca o exemplo de produtores da provincia da Coruña que demostraron o éxito dos seus proxectos, algúns deles dando o paso para transformar tamén o seu produto de calidade ou establecer sinerxías con outros emprendedores. #DoMaredaTerra salienta tamén factores chave como a importancia crecente dos criterios de sustentabilidade neste camiño de emprendemento ou o decisivo protagonismo da muller neste compromiso na procura de oportunidades para o futuro do rural. "A importancia dos nosos sectores produtivos primarios como vertebradores e fortalecedores do noso tecido social e económico queda reflectido nesta iniciativa #DoMaredaTerra", afirmou Cristina Capelán.

Material didáctico interactivo para as escolas

Ademais dunha mostra con diversos paneis expositivos que percorrerán varios concellos coruñeses nos vindeiros meses, #DoMaredaTerra conta tamén con material didáctico interactivo adicional, libremente dispoñible na rede para o seu uso nas escolas. Trátase de material completamente interactivo, accesible a través de computador, tablet, smartphones ou pizarra electrónica.

Estes contidos educativos foron deseñados para realizar unha sesión didáctica completa nas aulas de primaria e secundaria. De xeito específico, as propostas contribúen a afianzar o espírito emprendedor, fomentando a creatividade e a iniciativa, ao tempo que promoven valores relacionados coa educación para o consumo responsable, o desenvolvemento sustentable e a igualdade entre mulleres e homes.