Estás en:Novas

Formoso destaca o “exemplo pioneiro” de INSERTEGA no ámbito da economía circular e a reciclaxe de produtos téxtiles

O presidente da Deputación visitou esta mañá en Arteixo a sede empresa, gañadora do galardón á mellor iniciativa empresarial verde nos premios PEL 2024

O director xeral de INSERTEGA, Juan Meijide, recoñece que o premio PEL "foi unha panca para dar visibilidade ao proxecto, gañar clientes e obter o interese das administracións autonómica e estatal"

Formoso destaca o “exemplo pioneiro” de INSERTEGA no ámbito da economía circular e a reciclaxe de produtos téxtiles

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá en Arteixo a empresa INSERTEGA, gañadora do galardón á mellor iniciativa empresarial verde nos premios PEL 2024.

Durante a súa visita, Formoso quixo recalcar o enorme "valor" de INSERTEGA, xa que "era difícil intuír a transcendencia da reciclaxe e a economía circular nos anos nos que este proxecto si a imaxinou", en referencia aos inicios da entidade, no ano 2013. "Agora, esta circularidade vén acompañada dunha realidade social que a demanda e dun marco normativo a esixe. Tamén da realidade económica, a través dos fondos NEXT Generation, que considera vectorial apostar pola economía circular", apuntou o presidente.

"Todo isto podémolo resumir nunha palabra que chama lóxica. Porque significa non tirar aquelo que pode ter un segundo uso", engadiu Valentín González Formoso, que estivo acompañado durante a visita polo director xeral de INSERTEGA, Juan Meijide.

Meijide explicou que na planta de 6.000 metros cadrados situada no Polígono de Sabón do Concello de Arteixo, INSERTEGA dedícase "a reciclar toda a parte de residuo téxtil que non é reutilizable". A maiores, recoñeceu que os premios PEL foron "unha panca para darlle visibilidade a todo o proxecto que leva en marcha once anos no eido da reciclaxe téxtil, pero tamén da inserción laboral de persoas con discapacidade". "O premio deunos visibilidade, gañamos clientes e o interese das administracións autonómica e estatal para potenciar este tipo de proxectos sostibles", sinalou.

200 empregados e empregadas e 3.000 toneladas de residuos téxtiles reciclados

INSERTEGA é unha empresa de economía social que actualmente conta con máis de 200 traballadores e traballadoras, todos con algún grao de discapacidade recoñecido. Desde o 2013 desenvolve a súa actividade no ámbito da reciclaxe e reutilización de residuos textís. Desde os seus comezos leva xestionadas máis de 50 millóns de prendas.

De feito, tan só no ano 2023 case 3.000 toneladas de residuos téxtiles non recuperables. No 2022, axudou a evitar a expansión de 5.000 toneladas de CO2 cara a atmosfera. Actualmente, conta con 350 colectores ao longo de toda Galicia, cos que fomenta a reciclaxe das prendas tanto en domicilios particulares como nas empresas, xa que a súa intención é acadar o residuo cero e fomentar, deste xeito, unha economía circular.