Rosa Ana García clausura o ‘Foro Riazor: Global Maritime Sustainability’
A Universidade da Coruña celebrou onte e hoxe a segunda edición deste foro, que analiza as vías de descarbonización do sector marítimo da man de empresas nacionais e internacionais
A deputada de Emprego, Industria, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García, participou no peche do 'Foro Riazor: Global Maritime Sustainability'. O evento, que cumpre a segunda edición, celebrouse onte e hoxe con motivo do Día Internacional do Cambio Climático na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña. Nel, establécese un punto de encontro entre diferentes organizacións empresariais nacionais e internacionais para analizar as vías de descarbonización do sector marítimo.
Durante a súa intervención, García destacou a transcendencia deste evento, que é "necesario para a demostrar que a sustentabilidade debe ser a vía para consolidar o naval". "Este sector representa o 5% do PIB autonómico. Hai potencial e talento, pero as institucións debemos traballar de xeito conxunto para apoiar ás nosas empresas", expresou a deputada.
"Se falamos de futuro industrial, non esquezamos que na provincia da Coruña non só contamos con referentes nos sectores naval, téxtil ou da madeira. Somos líderes en produción de enerxía eólica a nivel estatal, o que nos coloca nunha gran posición para establecernos como unha referencia da industria verde e sustentable", engadiu a responsable provincial de Emprego, Industria, Política Demográfica e Medio Ambiente.
A deputada rematou agradecendo a Universidade da Coruña a súa "implicación nestas iniciativas, que non só traen a empresas referentes, senón que fomentan ese necesario diálogo para establecer concienciación" e desexando que xornadas como a vivida axuden a colocar "no centro de diálogo a economía verde" e a poñer en valor o sector naval e marítimo.