Estás en:Novas

Máis de 1.200 persoas participaron na primeira edición da Carreira Camiños da Vía Verde

A carreira celebra os dous anos que cumpre a maior Vía Verde de Galicia, que foi percorrida no 2023 por 28.000 persoas e aspira a superar esta cifra durante 2024

Máis de 1.200 persoas participaron na primeira edición da Carreira Camiños da Vía Verde

A Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle acolleu este sábado a primeira edición da Carreira Camiños da Vía Verde, un evento organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración da asociación de Concellos da Vía Verde e o Club Atletismo Tambre.

Máis de 1.200 persoas participaron nas diferentes modalidades da carreira, un evento deportivo deseñado para todos os públicos e idades, xa que contou con probas desde os 10k ata carreiras para escolares e unha andaina popular de 5 quilómetros.

A saída principal tivo lugar nas inmediacións da estación do tren de Oroso-Vilacide, mentres que a meta estivo instalada na estación da Pontraga en Ordes, onde a Deputación despregou un dispositivo especial para a recepción dos corredores e a entrega dos premios, que presidiu o deputado responsable da área de Deportes, Antonio Leira.

Leira celebrou "a gran participación" coa que contou esta primeira carreira da Vía Verde, "o que nos anima a darlle continuidade nos vindeiros anos e a consolidala como unha máis das probas do amplo calendario de eventos deportivos que promove a Deputación".

O deputado de Deportes sinalou que a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle "é un escenario privilexiado para a promoción do deporte, que queremos seguir potenciando con novas actividades e eventos que dean a coñecer tamén o moito que temos por descubrir arredor destas antigas rutas do ferrocarril".

"Estamos executando xa as obras para conectar os tramos en funcionamento da Vía Verde con Santiago e a nosa idea é que siga crecendo, tanto en número de persoas que a percorren como en extensión nos próximos anos", sinalou.

Esta primeira Carreira Camiños da Vía Verde é unha das iniciativas que conmemora os dous anos da posta en funcionamento da infraestrutura, que é a máis extensa de Galicia. Ademais de fomentar o deporte, a intención desta acción é potenciar a difusión da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle. No pasado 2023 foron unhas 28.000 as persoas que percorreron esta senda a pé ou en bicicleta, unha cifra que se busca superar neste ano.

Os primeiros clasificados na modalidade 10k da Carreira Camiños da Vía Verde foron:

CATEGORÍA FEMININA:

Ainoa Gontán Iglesias ( 39 min 35 seg.). Sociedad Deportiva Compostela Atletismo.
Elena Veres Ojea (40 min, 44 seg.). Sociedad Deportiva Compostela Atletismo.
María Tarrío Martínez (43 min 45 seg.). Sociedad Deportiva Compostela Atletismo.

CATEGORÍA MASCULINA:

Abel Barros González (34 min 44 seg.) Atletismo Moraña
Jaci Mello (34 min 59 seg)
Toñito Pardiñas Mallón (35 min 38 seg.). Sociedad Deportiva Compostela Atletismo.