Carabela, banda gañadora do Premio Narf 2024
O xurado outorgou o primeiro premio a Carabela, dotado de 4.000 euros; o segundo, de 2.000 euros, a Gloria Pavía e Rafa Morales e o terceiro, de 1.500, a Cinta Adhesiva
De Ninghures foi a banda convidada, que puxo o broche final a unha gala conducida polo xornalista Luís Pardo que se celebrou no auditorio Abanca de Santiago de Compostela
A banda compostelá Carabela é a gañadora do XVI Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a área de cultura da Deputación da Coruña. Así o decidiu onte o xurado, que outorgou o segundo premio a Gloria Pavía e Rafa Morales e o terceiro a Cinta Adhesiva, nunha gala presentada polo xornalista Luís Pardo que contou coa actuación de De Ninghures como banda convidada. Carabela recibe un premio en metálico de 4.000 euros; Gloria Pavía e Rafa Morales, 2.000 euros, e Cinta Adhesiva, 1.500.
O xurado, formado por Martiño Suárez, Faia Díaz, Teresa Cuíñas, Noel Feáns e Rodri Míguez e presidido pola deputada de cultura Natividade González, coa xefa de servizo de Cultura e Deporte, Manuela Muñiz, como secretaria, destacou a "gran calidade dos tres grupos", o que provocou que fose "unha decisión moi rifada". Sobre a gañadora, salientaron que é "unha proposta moi complexa de levar ao directo, asumindo un gran risco" e que, neste sentido, "prémiase esa valentía".
O Concurso Fran Pérez "Narf" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez "Narf". Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.
Eis un pequeno resumo de cada banda finalista:
CARABELA: Deles o xurado destacou que é "unha proposta construída con solidez, que atende o traballo vocal e tamén a melodía, cunha deriva electrónica delicada e sofisticada". Nados en 2021, esta banda noiesa dálle unha nova volta ao temón da cada vez máis natural confluencia entre as correntes do pop, a electrónica e a música tradicional.
GLORIA PAVÍA E RAFA MORALES: O xurado salientou desta proposta que chega desde Santiago a "utilización de elementos moi escollidos que fan lucir a estrutura das cancións de autora", na que tamén destacan o seu talento vocal, a orixinalidade e o minimalismo.
CINTA ADHESIVA: Formada pola poeta Silvia Penas e o músico Jesús Andrés Tejada, o xurado destacou a súa "proposta arriscada, que combina con destreza as partes melódicas e as recitadas con bases electrónicas escuras".