Formoso destaca o “papel clave da provincia da Coruña”, con centros como AESIA ou o CiTIUS da USC, no desenvolvemento da Intelixencia Artificial en España
O presidente provincial inaugurou esta mañá en Santiago de Compostela o congreso ECAI 2024, que reúne aos maiores expertos en IA de Europa
Subliñou a "forza transformadora" que pode supor a Intelixencia Artificial en campos como a industria e a enerxía en Galicia
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá no acto de inauguración do vixésimo sétimo Congreso Europeo sobre Intelixencia Artificial (ECAI 2024) en Santiago de Compostela. O evento, que se celebra durante esta semana no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, reúne algúns dos maiores expertos en IA a nivel mundial, consolidando a Galicia como un punto de referencia na investigación tecnolóxica.
Durante a cerimonia de apertura, Formoso destacou "o papel clave da provincia da Coruña, con centros como AESIA (Agencia Española de Supervisión de la Inteligencia Artificial), con sede na cidade da Coruña, ou o CiTIUS da USC.
Neste sentido, subliñou o papel do director do CiTIUS, Senén Barro, a quen lle agradeceu o seu "labor clave para que a cidade sexa a sede deste prestixioso foro, que este ano celebra ademais o seu 50 aniversario" e lembrou tamén a importancia de que A Coruña sexa sede da AESIA, a axencia estatal que regulará o desenvolvemento da IA no noso país.
Na súa intervención, o presidente da Deputación da Coruña subliñou a relevancia da Intelixencia Artificial como unha "forza transformadora" na sociedade actual. "A IA está xa presente en todos os aspectos da nosa vida cotiá, desde as redes sociais ata a industria, a medicina ou a enerxía", sinalou, destacando o papel clave que xogará esta tecnoloxía no futuro enerxético de Galicia, "un territorio clave no aproveitamento das enerxías renovables".
O congreso tamén ofrecerá unha plataforma para debater sobre os retos éticos que expón o desenvolvemento da IA, así como o seu impacto no mercado laboral.
Formoso citou un recente informe que estima que a IA podería afectar a 300 millóns de empregos en todo o mundo, pero destacou que "ao igual que sucedeu coa industrialización, este cambio tamén traerá novas oportunidades e nichos de emprego aínda por descubrir".
O ECAI 2024, que conta coa presenza de investigadores, profesionais da industria e responsables políticos de todo o mundo, consolidouse como un espazo clave para a reflexión e o intercambio de ideas sobre o futuro da Intelixencia Artificial. Durante os próximos días, os asistentes terán a oportunidade de participar en debates e presentacións sobre as aplicacións, o impacto social e os valores que deben guiar o desenvolvemento desta tecnoloxía.
"Coa participación de expertos de talla mundial, o congreso promete ser un fito na evolución da Intelixencia Artificial, e Santiago de Compostela, unha vez máis, convértese nun punto de encontro internacional para o coñecemento e a innovación", afirmou o presidente provincial.