Regueira explica no VIII Foro Territorios Patrimonio a estratexia turística da Deputación “vencellada ao territorio e que xere oportunidades para a poboación”
O vicepresidente participou no VIII Foro Territorios Patrimonio, na mesa redonda "Turismo sustentable e conservación do patrimonio cultural"
"Queremos promover un modelo turístico moi vencellado ao territorio: promocionando os destinos pero conscientes de que temos que contribuír a asentar poboación no medio rural; xerar oportunidades para a poboación local e non perder identidade"
O Parador de Monforte acolleu esta mañá a primeira xornada do VIII Foro Territorios Patrimonio, que se prolongará ata mañá co obxectivo de difundir dun xeito responsable a riqueza dos territorios.
O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, participou, dentro deste foro, na mesa redonda "Turismo sustentable e conservación do patrimonio cultural", xunto co Conseller de Turisme, Innovació i Habitatge de Formentera, Artal Mayans; o coordinador dos proxectos de casos de uso de Segittur (Ministerio de Industria e Turismo), César Lapuente, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e moderada pola xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Alexandra Seara.
Regueira comezou a súa intervención reflexionando sobre o cambio de paradigma que supuxo a covid 19 en canto aos obxectivos do sector turístico, que pasou de centrarse na sustentabilidade a poñer o foco na súa recuperación. "Neste momento, temos que ir máis aló e buscar o equilibrio entre o que se pode rexenerar e o que se pode consumir, e o turismo pode axudar a loitar contra o cambio climático, poñendo en marcha modelos máis pensados para o territorio, mais non é quen de resolver por si mesmo todos os retos globais nin acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible". Neste sentido, engadiu que "falar de sustentabilidade turística implica falar necesariamente de mobilidade, polo que hai que planificar turismo dende un punto de vista global".
Ademais, o vicepresidente fixo referencia á estratexia de turismo da Deputación, e aos cinco Plans de sustentabilidade turística en destino (PSTD). "Para converxer neses ODS, formulamos un modelo moi vencellado ao territorio: promocionando os destinos pero conscientes de que temos que contribuír a asentar poboación no medio rural; xerar oportunidades para a poboación local e non perder identidade. Con isto temos que conseguir atraer xente que protexa o territorio".
Así, os PSTDs do Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal; Fragas do Eume; Fogóns do Anllóns; o Vía Verde Compostela - Tambre – Lengüelle e o do patrimonio militar e baterías de Costa de Ferrol, "son o mellor exemplo da nosa estratexia turística que contribúe a protexer o territorio tendo en conta a poboación local como factor de rendibilidade". "Con estes proxectos", sinalou, "tamén perseguimos unha mellor xestión de fluxos para que se descubran outros destinos da nosa provincia e unha mellor distribución da riqueza turística, para que repercuta tamén na pequena economía local".
Regueira tamén se referiu a outro dos ODS, o da alimentación saudable e a mellora da nutrición, para o que é preciso "mirar no fondo do noso mar, pois o futuro atópase na despensa submarina", afirmou. "Na nosa provincia temos 956 km de costa, con todo o que eso implica, polo que é fundamental e urxente protexer o noso medio mariño máis e mellor".
E, rematou concluíndo que "o reto a nivel turístico é contribuír a frear a crise planetaria a través da educación e a concienciación, e tamén da planificación" e poñendo en valor a importancia dun sector "que na nosa provincia representa o 12% do PIB e o 14% do emprego neto, maioritariamente mozo e feminino" polo que, en definitiva, "hai que buscar métodos de turismo menos agresivos coa comunidade e beneficiosos para a poboación local".