A Deputación reforza a súa aposta polo deporte feminino e o BAXI Ferrol
Valentín González Formoso e Santi Rey asinaron o convenio polo que a institución provincial achegará 70.000 euros para cofinanciar a participación de equipo de baloncesto feminino na Liga Endesa e a Copa da Raíña
A Deputación da Coruña apoia con 70.000 euros ao Club Universitario de Ferrol, co fin de cofinanciar a participación do equipo de baloncesto feminino BAXI Ferrol na Liga Endesa e a Copa da Raíña ao longo desta tempada deportiva.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o seu homólogo do Baxi Ferrrol, Santi Rey, asinaron o convenio de colaboración polo que a institución provincial financia arredor do 12% do orzamento do equipo ferrolán durante a presente tempada, que ascende aos 568.000 euros, e no que se inclúen gastos como salarios, viaxes, alugamentos, arbitraxes, licenzas, materiais, médicos ou gastos de representación, entre outros.
A institución provincial renova coa sinatura do convenio o seu apoio ao club universitario, que recibiu ao longo da súa existencia o respaldo económico da Deputación, a través de convocatorias de subvencións de libre concorrencia e nominativas.
Formoso destacou que o Uni Ferrol "é todo un referente deportivo" na provincia coruñesa e en Galicia e que este apoio ao club enmárcase "na importante acción de promoción do deporte feminino que vimos facendo desde o goberno da Deputación da Coruña nos últimos anos".
O Club Universitario Ferrol
O Club Universitario Ferrol, entidade detrás do BAXI Ferrol, vén de cumprir 26 anos, un tempo no que chegou a converterse en referente do baloncesto feminino non só a nivel provincial e galego, senón que tamén estatal, participando nos últimos anos en tres edicións da Copa da Raíña e en dúas semifinais da Liga Endesa.
O impacto do club universitario a nivel deportivo tamén abrangue ao ámbito social, con arredor de 1.200 persoas asociadas e unha asistencia media superior aos 1.500 seareiros e seareiras no pavillón da Malata, o que o sitúa como o quinto club a nivel nacional no que se refire a seguimento.
Ademais do equipo sénior, o BAXI Ferrol, o club conta con 21 equipos, dende categoría sénior autonómica ata baby basket, e mantén unha escola de baloncesto para os máis pequenos e pequenas.