Cultura da Deputación presenta o ciclo Músicas Posíbeis
Polo escenario do Teatro Colón pasarán, en catro citas que se celebrarán nos vindeiros meses de novembro e decembro, Chicharrón, Summrá, Niño de Elche, Pablo Novoa, Richi Casás, Fran Barcia, Tania Caamaño, Antía Ameixeiras, Berta Dávila, Silvia Penas, Samuel Merino, Lucía Aldao, Carlos Meixide, Samuel Solleiro ou Wöyza
As entradas, de balde, xa se poden reservar na web de Ataquilla
A deputada de Cultura, Natividade González, reiterou o compromiso do seu departamento na programación de propostas "diferentes entre si, coma son as deste novo ciclo, con linguaxes e estilos diversos, e non só da máxima calidade, senón tamén de grande interese cultural, por riba de calquera outro criterio"
A área de Cultura de Deputación suma unha nova proposta á súa programación propia, o ciclo Músicas Posíbeis, que levará ao Teatro Colón, nos vindeiros meses de novembro e decembro, catro espectáculos que se moven á marxe dos grandes circuítos comerciais e que citarán no teatro coruñés a destacados nomes da música e as letras de Galicia e do Estado. Presentouno esta mañá no escenario do Colón a deputada de Cultura, Natividade González, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polos músicos Pablo Novoa e Xacobe Martínez Antelo; pola responsable de Educación e Acción Cultural Museo do Pobo Galego, Ana Estévez, e polo xornalista Marcos Gendre.
Na súa primeira edición, Músicas Posíbeis ofrecerá dous concertos —o de Sumrrá máis Niño de Elche e o de Chicharrón— e dous espectáculos onde a música dialogará con outras disciplinas: Paréntese (música e literatura) e 586 cantos (música e audiovisual).
A titular de Cultura agradeceu a presencia de Novoa (en representación de Paréntese), Martínez Antelo (Sumrrá), Estévez (586 cantos) e Gendre (Chicharrón) e presentou as propostas do ciclo. "Este", dixo, "é un proxecto moi especial para o noso departamento, que agardamos que recibades todos con moito agarimo, porque ten a máxima calidade, con catro propostas moi singulares, e que se moven todas elas ás marxes dos circuítos de música comercial". "Son propostas", engadiu, "podemos dicir, 'delicatessen', diferentes entre si, con linguaxes e estilos diversos, pero que teñen en común esa idea da calidade musical por bandeira, ademais dun grande interese cultural, por riba de calquera outro criterio".
Novoa, Martínez Antelo, Estévez e Gendre explicaron polo miúdo as propostas que representaron hoxe no Teatro Colón e agradeceron o esforzo de Cultura da Deputación na organización do ciclo. "Propostas que son tan interesantes e tan distintas, pero que non habitan, ningunha delas, os circuítos masivos, e que agora temos a ocasión de presentar nun teatro e nun ciclo coma este e en tan boa compañía", destacou Martínez Antelo.
Gendre salientou a importancia de Músicas Posíbeis "no contexto da cultura festivalera na que vivimos, pois permite a difusión de músicas que, por ser máis arriscadas, se consideran minoritarias". "Hai que subliñar a relevancia", engadiu, "de que existan ciclos que valoran a heterodoxia musical e que, coma este, ofrezan catro propostas distintas pero complementarias, que lle poden gustar a todo o mundo pois teñen a súa propia linguaxe e unha cousa en común: o risco de expresarse á hora de ofrecer algo orixinal". "No caso de Chicharrón", rematou, "a Deputación verdadeira puntería, pois o convite chega no décimo aniversario da banda, que preparou un concerto especial para o Colón, no farán un percorrido da súa traxectoria, do presente a o pasado, que reunirá no escenario a case todos os músicos que pasaron polo grupo".
Os espectáculos
Paréntese (2 de novembro). É un espectáculo producido especificamente para o Teatro Colón, que só se vai poder ver neste ciclo. Baixo a dirección artística e creativa do músico Pablo Novoa e o escritor Diego Giráldez, e conducidos no escenario pola xornalista Susana Pedreira, as escritoras e escritores Berta Dávila, Silvia Penas, Samuel Merino, Lucía Aldao, Carlos Meixide, Samuel Solleiro e a cantante Wöyza sorprenderán ao público saíndo das súas disciplinas para cantar, interpretar, recitar e conversar entre si e sobre o feito creativo.
Sumrrá + Niño de Elche (9 de novembro). Unha proposta que conecta a creación libre e sempre interesante e diferente do murciano Niño de Elche coa formación galega de referencia no jazz contemporáneo, Sumrrá (Xacobe Martinez Antelo, contrabaixo; Manuel Gutiérrez, piano, e Lar Legido, batería e obxectos sonoros). O público poderá gozar dun diálogo que explora novas posibilidades artísticas. Un auténtico luxo de concerto.
586 cantos (16 de novembro). Unha proposta singular, de máximo interese, que bebe da música tradicional e da tradición oral galega, e que foi impulsada polo Museo do Pobo Galego. Unha marabilla de espectáculo que se constrúe a partir do traballo de recollida que fixo no seu día Dorothé Schubert, nos anos 70. Aposta en escena combina a montaxe audiovisual realizada por Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, coa música en directo de Richi Casás, Fran Barcia, Tania Caamaño e Antía Ameixeiras.
Chicharrón (14 de decembro). Ao Teatro Colón chegará o rock, ou o pop máis persoal e poético da música galega. Chicharrón é sinónimo de exquisitez en cada disco, de letras coidadas e relevantes, de máxima calidade a nivel de todo o Estado, desde Carballo, na nosa provincia. Son unha referencia absoluta e levan dez anos de vida como grupo, que celebrará cun concerto no que presentarán Vitoria, o seu próximo disco, e que vai ser tamén unha homenaxe ao deseñador e pintor Alberto Gende, membro fundador da banda, falecido en 2012.
Todos os espectáculos celebraranse ás 20 horas. As entradas poden reservarse desde hoxe mesmo na web de Ataquilla.