Estás en:Novas

O pleno da Deputación dá luz verde a máis de 1,3 millóns de euros de investimentos para melloras de estradas provinciais en Paderne, Monfero, Carballo e Bergondo

O pleno da Deputación dá luz verde a máis de 1,3 millóns de euros de investimentos para melloras de estradas provinciais en Paderne, Monfero, Carballo e Bergondo

O pleno da Deputación da Coruña deu luz verde hoxe a tres investimentos na rede provincial de estradas por importe de máis de 1,3 millóns de euros, que servirán para mellorar a seguridade viaria en estradas de titularidade provincial nos concellos de Paderne, Monfero, Carballo e Bergondo.

Reforzo do firme na DP 0905 entre Paderne e Monfero

O pleno da Deputación aprobou un investimento de 561.650,12 euros para o reforzo do firme e mellora superficial na estrada DP 0905, nos termos municipais de Paderne e Monfero. O obxectivo é paliar os importantes estragos en 22 quilómetros de vía como consecuencia dos efectos do pasado inverno a través dun investimento de 561.650,12 euros.

Así, está proxectada unha actuación entre os puntos quilométricos 4+000 e o 26+000 que consistirá en saneamentos puntuais da capa superficial nunha superficie aproximada de 750 metros cadrados para unha posterior dotación dunha capa de rodaxe asfáltica de case 46.000 metros cadrados. No proxecto tamén está incluída a instalación de nova sinalización. O proxecto ten un prazo de tres meses para a súa execución.

Mellora na DP 1902 en Carballo

O pleno de Deputación da Coruña tamén aprobou o proxecto correspondente á mellora do firme na DP 1902, no Concello de Carballo. Actuarase entre os puntos quilométricos 2+400 e 9+000 da estrada que une Carballo con Razo.

Así, cun financiamento de 403.299,36 euros para cubrir os gastos do proxecto, limparanse cunetas e paseos, reporase o firme en zonas puntuais deterioradas e estenderase unha capa de mestura bituminosa e renovarase a sinalización horizontal. O prazo de execución desta obra é de cinco meses.

Actuación na capa de rodaxe

Tamén se aprobou hoxe unha actuación para a mellora na capa de rodaxe na DP 0813 que vai de Sada a Armuño (Bergondo). Así, destinaranse 349.295,12 euros ao proxecto para a limpeza de cunetas e condutos de augas como paso previo ao fresado e estendido de varias capas de mesturas bituminosas. Por último, levarase a cabo a renovación da sinalización horizontal.

Esta actuación está prevista entre os puntos quilométricos 1+490 e 4+920 e conta cun prazo de execución de tres meses.