Estás en:Novas

A Deputación da Coruña rexistra máis de 6.000 solicitudes para o novo programa de axudas PEL para autónomos no rural

Recórd de solicitudes nesta nova liña do PEL, destinada a profesionais autónomos con máis de cinco anos de exercicio empresarial e domicilio fiscal nun concello de menos de 10.000 habitantes

Este ano, a Deputación destina preto de 5 millóns de euros en axudas para autónomos da provincia

A Deputación da Coruña rexistra máis de 6.000 solicitudes para o novo programa de axudas PEL para autónomos no rural

A Deputación da Coruña vén de rexistrar 6.012 solicitudes para a nova axudas liña de axudas do Plan de Emprego Local (PEL) destinada a profesionais autónomos con máis de cinco anos de actividade e que teñan o seu domicilio fiscal nun concello coruñés de menos de 10.000 habitantes.

A cifra supón o récord de solicitudes nunha convocatoria do PEL, o que indica a boa acollida desta nova liña para autónomos, dotada con 2,6 millóns de euros, que se suman aos 2,3 millóns de euros xa concedidos na primeira convocatoria PEL-Autónomos deste ano, que beneficiaron a 1.106 profesionais con menos de cinco anos de actividade e domicilio fiscal en concellos de menos de 20.000 habitantes.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, subliñou "a importancia clave dos autónomos na economía e na creación de emprego en Galicia", un colectivo ao que pertencen máis de 205.000 persoas na nosa comunidade. "Por iso decidimos ampliar as axudas para autónomos, que cada ano rexistran unha elevadísima demanda dentro do PEL, así como incrementar o seu orzamento ata os 4,9 millóns de euros, co obxectivo de atender o maior número de solicitudes posible", apuntou.

O presidente incidiu tamén en que as axudas "van destinadas aos profesionais que exercen nos concellos de menor tamaño da provincia, co obxectivo de favorecer o emprego e contribuír á fixación de poboación no rural, un dos obxectivos estratéxicos do goberno da Deputación".

A axuda máxima á que optan os e as solicitantes é de 2.400 euros para sufragar unha parte das cotas da Seguridade Social durante un ano, concretamente 200 euros ao mes. A solicitude mínima é para seis meses (1.200 euros).

En canto á distribución por comarcas das solicitudes recibidas, destacan as que proveñen das comarcas de Fisterra, con 528 (un 8,78% do total); Terra de Soneira con 487 ( 8,10 %) e Bergantiños con 485 (o que supón o 8,06%).

Atendendo ás actividades económicas dos e das autónomos/as que presentaron un maior número de solicitudes destacan as vinculadas ao sector primario de agricultura, pesca, gandería e acuicultura con 1.902 ( o que supón o 31,6 % do total) e as de comercio, con 947 solicitudes (o 15,75% do total).

A concesión provisional das axudas darase a coñecer o vindeiro mes de novembro.

Desde a posta en marcha do Plan de Emprego Local, en 2016, a Deputación da Coruña leva investido máis de 115 millóns de euros en diferentes liñas de axudas para contratar persoal, impulsar o emprendemento, apoiar o crecemento dos pequenos negocios e dos traballadores e traballadoras autónomos/as. Ademais, nestes oito anos, o PEL permitiu a creación de 7.196 empregos directos nos sectores público e privado.