Estás en:Novas

Formoso compromete a implicación da Deputación no proxecto do Concello de Cee para a posta en valor do pasado baleeiro de Cañeliñas

O presidente da Deputación da Coruña reuniuse coa alcaldesa de Cee, Margot Lamela, para abordar a colaboración de ambas administracións en novas infraestruturas para o municipio

A Deputación encargará un proxecto de mellora do trazado e dotación de beirarrúas na DP 2302 de Hospital a Brens e colaborará no financiamento das obras de mellora do entorno do estadio municipal de fútbol de San Paio de Refoxos, que contará cun campo de adestramento

Formoso compromete a implicación da Deputación no proxecto do Concello de Cee para a posta en valor do pasado baleeiro de Cañeliñas

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse no seu despacho da institución provincial coa alcaldesa de Cee, Margot Lamela, coa que abordou posibles vías de colaboración da Deputación na mellora de distintas infraestruturas no municipio.

Na reunión, Formoso e Lamela abordaron o éxito das xornadas "O rexurdir de Caneliñas", organizadas recentemente polo Concello de Cee coa colaboración da Deputación para conmemorar o centenario da baleeira de Caneliñas, unha actividade que se encaixa na estratexia do goberno municipal de Margarita Lamela para recuperar o pasado baleeiro da localidade e pór en valor a zona, vinculándoa á tradición desta actividade.

Un proxecto para o que Formoso comprometeu "o apoio e implicación da Deputación da Coruña, dado o singular valor histórico e etnográfico deste enclave, onde se situou a última factoría baleeira con actividade en toda Europa e que conta cun elevado potencial turístico".

Neste sentido, Deputación e Concello de Cee traballarán conxuntamente na realización de novas actividades e infraestruturas que contribúan a divulgar a historia baleeira da vila, buscando incluso a posibilidade de optar a fondos europeos para financialas.

Estrada DP 2302 e campo de fútbol

Margot Lamela formulou tamén a necesidade de mellorar o trazado e a seguridade peonil no tramo da estrada provincial DP 2302 de Hospital a Brens que vai dende a intersección coa estrada AC-550 no Porto de Brens ata o PQ 8+500, no termo municipal de Dumbría, mellorando o trazado dalgunhas curvas perigosas existentes, así como a accesibilidade peonil coa construción de sendas ou beirarrúas que atravesarían a travesía de Raso, onde se rexistra unha alta intensidade de tráfico pese a que é unha zona con numerosas vivendas nas marxes.

Formoso confirmoulle á alcaldesa que a Deputación encargará este mesmo ano un proxecto para a valoración técnica e económica das obras, que completarían as acometidas nos últimos anos nesta mesma estrada DP 2302 no termo municipal de Dumbría.

Finalmente, o presidente da Deputación e a alcaldesa de Cee acordaron a colaboración de ambas administracións no financiamento das obras de mellora do estadio municipal de San Pedro de Refoxos, que precisa dun novo campo de adestramento no complexo, dado que alí adestran varios equipos simultaneamente.

As obras, que suporán un investimento de preto de medio millón de euros, non só inclúen a construción deste novo campo para adestramentos, senón importantes melloras no entorno do estadio, que carece de saneamento ou beirarrúas, polo que incluirá a construción dunha nova rede de saneamento conectada á rede municipal e dunha senda que garanta a accesibilidade e seguridade peonil na contorna das instalacións deportivas, así como a pavimentación completa do acceso, que actualmente presenta deficiencias.