A Deputación creará un novo acceso directo ás Pontes desde a autovía AG-64
O proxecto contempla a ampliación e mellora da DP 7703 para convertela "nun vial de acceso amplo, seguro e rápido" ao centro da vila dende a autovía AG-64, evitando atravesar o polígono industrial de Airios
Formoso visitou a zona cos técnicos de Vías e Obras da Deputación e anunciou a redacción do proxecto, que dá resposta a unha antiga demanda das entidades veciñais de Chamoselo e Aparral e dos empresarios de Airios
A Deputación da Coruña ampliará e mellorará o trazado da estrada provincial DP 7703 de Medoñas a Ponte Souto en Aparral para convertela "nun novo acceso directo ao núcleo de As Pontes desde a autovía AG-64 Ferrol-Vilalba, evitando así que o tráfico teña que atravesar o polígono industrial de Airios".
Así o anunciou o presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, durante unha visita á zona na que estivo acompañado polo concelleiro responsable de Obras, Infraestruturas, Medio Ambiente e Medio Rural, Roberto Rivera, e por técnicos do departamento de Vías e Obras da institución provincial.
Formoso encargou aos técnicos de Vías e Obras da Deputación a redacción dun proxecto co obxecto de mellorar o trazado da estrada DP 7703, eliminando as curvas pronunciadas existentes nos primeiros quilómetros do vial e ampliando a súa plataforma ao longo de toda a estrada, o que permitirá que o tráfico procedente da autovía poda circular en condicións de seguridade, evitando o paso pola estrada que atravesa o polígono industrial de Airios.
"O acceso actual causa problemas de seguridade viaria nun polígono que ten unha elevada ocupación, con máis de 35 empresas instaladas e uns 400 traballadores que usan esta estrada a diario para os seus desprazamentos, ademais do tráfico pesado que soporta pola súa condición industrial", explicou Fomoso, que considerou que "con este novo acceso este a As Pontes melloraremos a seguridade e fluidez do tráfico, evitaremos molestias aos empresarios que están alí instalados e melloraremos tamén a imaxe no acceso ao centro de As Pontes desde a autovía, xa que non terá que facerse a través dun polígono industrial".
Formoso incidiu en que estas obras darán resposta a unha antiga demanda das asociacións veciñais de Chamoselo e Aparral, así como dos empresarios instalados no polígono de Airios, "creando un acceso amplo, seguro, cómodo e rápido entre a autovía e o centro da vila".
O departamento de Vías e Obras da Deputación da Coruña comezará agora o proceso de redacción do proxecto técnico, que se prevé que poda estar completado no primeiro trimestre de 2025, coa intención de dotar orzamento e executar as obras ao longo do ano 2026. Os técnicos da administración provincial estiman que será necesario un investimento de arredor de 2 millóns de euros para completar unha obra que permitirá crear este novo acceso a As Pontes desde a autovía Ferrol-Vilalba.