A Deputación da Coruña colaborará no envío de medios e material ás zonas afectadas pola DANA en Valencia
Bombas de achique, maquinaria de escavación e desentullo, útiles de limpeza, pás ou xeradores de electricidade, entre as principais necesidades na zona
A Deputación da Coruña colaborará no envío de medios e material de rescate, limpeza e desescombro para zonas afectadas pola DANA, especialmente na provincia de Valencia.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participou este mediodía na reunión de coordinación coa Xunta de Galicia na que a administración autonómica, en coordinación coas autoridades valencianas, indicou que as principais necesidades agora mesmo sobre o terreo son as de persoal e maquinaria para escavación e desentullo, útiles de limpeza, bombas de achique, pás, ou equipos xeradores de electricidade.
A Deputación da Coruña mostrou a súa disposición a colaborar enviando o material deste tipo do que dispón ás zonas máis afectadas pola catástrofe, así como habilitando unha partida económica especial para a adquisición dos elementos que sexan máis necesarios nestes momentos e o seu traslado inmediato á zona.
A Deputación mostrou tamén a súa disposición a enviar os recursos humanos e materiais do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento que sexan necesarios nas zonas afectadas pola DANA, efectivos que serán coordinados pola Xunta de Galicia.