Igualdade da Deputación presenta a súa nova campaña ‘Corta coa violencia’
Trátase dunha nova acción de sensibilización, prevención e difusión dos recursos e prestacións existentes en materia de violencia de xénero en colaboración cos salóns de peiteado e centros de estética de Culleredo, Cambre e Carral
"É unha aposta máis do noso departamento, onde cremos que non hai que traballar en actuacións puntuais en datas concretas, senón ao longo do ano; neste caso para que o persoal deses centros sirvan como axentes para a prevención, visibilización e detención das condutas machistas, creando así unha rede de espazos aliados para acabar coa violencia de xénero", explicou a deputada de Igualdade, Sol Agra
Ata 136 centros de estética e salóns de peiteado de Culleredo, Cambre e Carral colaboran en 'Corta coa Violencia Machista', a nova campaña coa que a área de Igualdade da Deputación da Coruña quere contribuír á sensibilización, prevención e difusión dos recursos e prestacións existentes en materia de violencia de xénero. Presentouna esta mañá a titular do departamento, Sol Agra, nunha rolda de prensa na que a acompañaron a técnica da institución provincial, Eva Ovenza, e a coordinadora da campaña, Cristina Bajo.
"É", dixo Agra, "unha aposta máis do noso departamento, onde cremos que non hai que traballar en actuacións puntuais en datas concretas, senón ao longo do ano; neste caso para que o persoal deses centros de estética sirvan como axentes para a prevención, visibilización e detención das condutas machistas, creando así unha rede de espazos aliados para acabar coa violencia de xénero.
Para a deputada, eses centros e salóns "son lugares idóneos para o desenvolvemento da campaña, pois as mulleres van a eles a miúdo, case sempre, ou sempre, sen acompañamento masculino, e establecen relacións de confianza co persoal, polo que son moitas as posibilidades de conversas que faciliten a detección de violencias machistas".
Agra explicou que o persoal dos centros adscritos contará "en todo momento" con asesoramento de profesionais para que saiban como actuar no caso de detectar condutas de violencia contra as mulleres ou como informarlas dos pasos que deben dar para cursar unha posible denuncia. "Nos salóns", engadiu, "estarán ben accesibles o díptico informativo da campaña e os números de teléfono aos que chamar se algunha persoa se sente vítima de violencia de xénero e precisa axuda".
Eva Ovenza debullou polo miúdo todo o traballo que vén realizando desde hai anos o departamento de Igualdade da Deputación en materia de prevención de violencia machista, pero tamén de fomento da igualdade e de traballo coas diversidades sexuais. "Son precisamente eses tres os piares de desenvolvemento dos nosos diferentes proxectos". "Na actualidade", dixo, "estamos a traballar especificamente con saúde mental e xénero, cunha serie de faladoiros que achegan aos concellos a oportunidade de falar sobre que é a saúde mental e como afecta de xeito diferente aos homes e ás mulleres. E estámolo a facer a través dun vehículo que é o libro de Antía Yáñez, que nos axuda a que eses faladoiros sexan máis enriquecedores e que a través da literatura poidamos traballar temáticas coma estas".
Trauma e apego, casas acollida, maternidade e coidados son asuntos dos que tamén se ocupa en mellorar a institución coruñesa, segundo salientou Ovenza, que lembrou todos os convenios, subvencións, ferramentas e recursos —moitos deles, accesibles para toda a cidadanía na web da Deputación— cos que traballa o departamento de Igualdade provincial.
Cristina Bajo salientou que a campaña empezou xa: "Establecemos roldas de contactos, no CIM, nos Concellos e nos centros de estética e salóns de peiteado, aos que lles levamos información e todo o material". "A partir de aí", engadiu, "tócanos asesorar e estar pendentes. Aínda que a campaña durará ata final deste mes, a idea é que eses centros sigan sendo puntos de detección de violencias machistas, pero que deriven as queixas ou as peticións de axuda ao persoal especializado, aos profesionais; non van facer eles o traballo por nós: xa teñen o seu traballo". "Queremos", rematou, "aproveitar esa confianza que se xera alí para levar a quen corresponde esa información, pois é máis eficaz esa confianza, que non que unha muller entre nun centro que non coñece, onde hai xente que tampouco coñece, e colla un panfleto ao que non lle vai facer nin caso".