A Deputación abre o prazo de candidaturas para a III edición do Premio ‘Xoán Vicente Viqueira’ de investigación en ciencias sociais, humanidades, sustentabilidade e innovación
O período para presentar solicitudes rematará o 30 de decembro
Os gañadores recibirán 19.500 euros en premios, 6.500 en cada unha das tres categorías
A Deputación da Coruña abriu onte o prazo de presentación de candidaturas para a III edición premio 'Xoán Vicente Viqueira' de investigación en ciencias sociais, humanidades, sustentabilidade e innovación. O prazo permanecerá aberto ata o 30 de decembro e as solicitudes deben presentarse a través da plataforma SUBTEL da Deputación.
O obxectivo deste certame é recoñecer a actividade de investigación e innovación levada a cabo por persoas ou entidades que teñan destacado nos ámbitos das ciencias sociais e humanidades.
Así, poderán propor candidaturas todas as persoas físicas ou xurídicas que realicen actividades de investigación e innovación no ámbito das ciencias sociais e humanidades. Tamén poderán facer propostas de candidaturas as persoas que formen parte do xurado ou calquera socio do Instituto Xoán Vicente Viqueira.
As citadas candidaturas deberán propor a unha persoa ou entidade ligada a proxectos que se desenvolvan ou relacionen coa investigación e innovación no ámbito das ciencias sociais e humanidades e que teñan a súa residencia ou sede social no territorio español. Non estarán admitidas as autocandidaturas.
Tres premios
Nesta edición establécense de novo tres premios para cada unha das modalidades.
A primeira delas é o premio á traxectoria de vida dedicada á investigación nalgún dos ámbitos das ciencias sociais, as humanidades, a sustentabilidade e a innovación social ao longo dos últimos 30 anos. A segunda, o galardón á innovación científica nalgún dos ámbitos das ciencias sociais, as humanidades, a sustentabilidade e a innovación social. A última delas premia a calidade dun traballo de investigación realizado por unha persoa investigadora nova nalgún dos ámbitos das ciencias sociais, as humanidades, a sustentabilidade e a innovación social. Cada unha destas categorías está dotada con 6.500 euros.
A terceira edición destes premios conmemora a memoria do filósofo, psicólogo e escritor Xoán Vicente Viqueira Cortón. Xoán Vicente naceu en Madrid en 1886, pero viviu ata os 12 anos en Vixoi (Bergondo), e foi unha persoa que desenvolveu investigacións no eido do pensamento filosófico e apostou progreso da educación, sempre co galego por bandeira.
As bases completas poden consultarse na seguinte ligazón: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/10/30/2024_0000007614.html