O público internacional do Gastronómic Fórum Barcelona descobre os saberes e sabores da provincia no stand da Deputación
Hoxe continuaron as actividades da entidade provincial nesta feira que ten lugar en Barcelona do 2 ao 4 de novembro
O stand da Deputación contou con numerosos asistentes que degustaron, con sorpresa, os saberes e sabores da provincia
O stand da Deputación da Coruña no Gastronómic Fórum de Barcelona comezaba hoxe a xornada cun dos olores máis característicos da provincia: o de navallas e zamburiñas a prancha. Concretamente, de Mariscos de Barallobre, cociñados pola chef do restaurante Muelle 43 de Mugardos, Naír González. Un olor que captou a atención dos asistentes de diferentes partes do mundo, que se sumaron á degustación e presentación e coñeceron de primeira man os saberes e sabores de Ferrolterra.
Dende Mariscos de Barallobre explicaron a súa traxectoria de 100 anos de actividade, e presentaron os seus produtos e todos os detalles sobre como se recolectan e consumen. Comezando pola navalla, que a súa captura esixe un "traballo artesán e moi especializado" e continuando coa súa recoñecida zamburiña negra. A cociñeira Naír González foi preparando, ao tempo, os produtos para a súa degustación, conquistando os padais dun público internacional que probaba, con sorpresa, estes mariscos de Barallobre.
Rematou a degustación e os fogóns seguiron acendidos para o showcooking de Kike Piñeiro e Eloy Cancela, de A Horta do Obradoiro, que elaboraron en directo un menú protagonizado por produtos locais "que representan o noso territorio". Os cociñeiros reivindicaron a calidade da materia prima da provincia, facendo especial fincapé na despensa mariña. A súa vieira con manteiga atlántica e a filloa rechea de meloso triunfou ante os comensais, tanto pola súa aparencia como polo seu sabor.
Continuaron Darío e Gloria, de Chichalovers, ofrecendo unha degustación dos seus produtos e invitando ao público a coñecer "o auténtico sabor da aldea galega". Cunha combinación de tradición e modernidade, puxeron en valor as súas receitas tradicionais e tamén os produtos de proximidade cos que traballan para ofrecer "bocados únicos con moita historia".
Amas da terra: legado, cultura e cociña
A delegación da Deputación trasladouse, posteriormente, ao "fórum – taller", con Lucía Freitas acompañada de dúas "amas da terra": Dolores Gómez, bateeira de Rianxo e presidenta da Asociación Mulleres Salgadas, e Dolores García, cociñeira e copropietaria de Casa Peto en Outes. Moderadas polo escritor, divulgador, crítico, investigador e columnista gastronómico Jorge Guitián, exhibiron o seu proxecto de legado, cultura e cociña, relatándoo e cociñándoo.
O vicepresidente Xosé Regueira foi o encargado de inaugurar o acto, afirmando que é "unha auténtica honra estar acompañados de xente coma vós, que fai tan ben as cousas". Regueira salientou que a gastronomía da provincia, "está ao nivel de calquera outra cociña do mundo" e animou ao público a descubrir no stand da Deputación, "o que somos capaces de producir e de preparar nos fogóns". Ademais, Regueira referiuse ao proxecto de Lucía Freitas, "unha referente non so pola súa cociña, senón tamén polos valores que representa de territorio, feminismo, sustentabilidade... e pola súa posta en valor de mulleres que adicaron toda a vida a producir alimentos".
Neste sentido, o vicepresidente anunciou que a Deputación da Coruña recoñecerá a traxectoria de Dolores García, "Loliña", de Casa Peto (Outes), que "leva toda unha vida, dende os 10 anos, traballando na cociña". A propia Lucía Freitas secundou o recoñecemento, sinalando que "grazas a mulleres como Loliña puidemos manter o receitario que hoxe temos. Mulleres cociñeiras, produtoras, mariscadoras, artesás, amas de casa...". E fixo a simbiose cun iceberg: "todas estas mulleres representamos a base que lle permitiu aos homes situarse na punta". E, engadiu, "é o momento de que se vos recoñeza".
Cunha atmosfera moi emotiva, Dolores García comezou a elaborar unha empanada de millo de berberechos, "unha empanada de toda a vida con berberechos, que están en temporada", destacou. Dolores fixo un repaso da súa historia, tamén do territorio, da gastronomía e da tradición, acompañada de Lucía Freitas e de Jorge Guitián. Tamén a bateeira Dolores Gómez falou da importancia de "darlle visibilidade ás mulleres do sector", explicando o labor que fan dende a Asociación Mulleres Salgadas.
Remata así, con este acto que foi "unha felicidade", en palabras de Jorge Guitián, esta segunda xornada do Gastronómic Fórum Barcelona, que continúa mañá cunha nova presentación de Mariscos de Barallobre; un showcooking de Víctor Basante, do Arrueiro de Laxe; e degustacións de Algas Mar de Ardora; Queixo Galmesán e A Conserveira.