A Deputación da Coruña participa na cuarta edición do Encontro CIBER.gal de administracións públicas
A Deputación da Coruña participa na cuarta edición do Encontro CIBER.gal de administracións públicas, o encontro galego de ciberseguridade que se celebra entre hoxe, martes 6 de novembro, e o xoves 7 na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
O deputado de Facenda, José Ramón Rioboo, estivo presente na inauguración institucional do evento organizado polo Nodo Galego de Ciberseguridade e Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O encontro conta con 2.600 persoas inscritas entre a modalidade presencial e a telemática. Ademais, conta coas achegas de máis de 60 expertos e expertas. O programa está focalizado en diferentes cuestións relacionadas coa ciberseguridade como a prevención, a xestión de crises ou a formación especializada na FP.
Ademais, no seu marco desenvólvense iniciativas para escolares como a IV Edición Concurso Ciberseguridade no cole!, entregas de premios, sorteos, obras de teatros ou monólogos de humor. Así mesmo, paralelamente ao programa principal, lévanse a cabo actividades simultáneas en forma de obradoiros.