Estás en:Novas

Turismo da Deputación despide unha nova edición do Gastronomic Fórum Barcelona, “cun moi bo sabor de boca”

Remata unha nova edición do Gastronomic Fórum Barcelona, onde a Deputación contou cun stand propio no que promocionou a gastronomía local coa súa campaña "A provincia que sabe"

O vicepresidente Xosé Regueira valorou moi positivamente a experiencia, "tanto polo éxito das nosas actividades como polas oportunidades comerciais que lles xurdiron aos produtores que nos acompañaron"

Turismo da Deputación despide unha nova edición do Gastronomic Fórum Barcelona, “cun moi bo sabor de boca”

A área de turismo da Deputación despídese hoxe do Gastronomic Fórum Barcelona, onde estivo dende o luns promocionando a gastronomía da provincia coa súa campaña turística e gastronómica 'A provincia que sabe'. Rematan, así, tres días nos que a entidade provincial puxo marcha máis de 20 actividades entre degustacións, presentacións, showcookings e charlas para poñer en valor os produtos locais e o sector da restauración da provincia.

"A participación nesta feira enmárcase na nosa estratexia de apoio aos pequenos produtores e produtoras da provincia para promocionar a súa materia prima e favorecerlle a presenza en mercados como este, de moi alto valor para eles" explicou o vicepresidente, Xosé Regueira. "Acompáñannos nesta feira este sector da produción de alimentos, moi ancorado no territorio e o da restauración que está facendo cousas moi interesantes, moitos deles xente moza que ademais está contribuíndo a asentar poboación no rural", engadiu.

Durante esta última xornada, os fogóns ocupounos o cociñeiro do Arrueiro, de Soesto (Laxe), Víctor Basante, acompañado da copropietaria, Luisa García Casal, que presentaron o proxecto e ofreceron un showcooking con produtos de temporada e quilómetro cero, "da lonxa de Laxe, que é moi pequena, e tamén da nosa horta", onde reflectiron a esencia do seu menú, para o que empregan "peixes menos valorados, como a raia". Explicaron que Arrueiro "é como unha árbore con tres ramas: o aloxamento, as experiencias e a gastronomía", co propósito de "ir máis aló do desfrute, para arroupar e nutrir ás persoas que nos visitan tanto fisica como emocionalmente". Agradeceron á Deputación a "oportunidade" de participar no Gastronómic Fórum Barcelona, e invitaron ao público a "visitar a Costa da Morte durante todo o ano"

Agradecemento ao que se sumaron todos os produtores locais que participaron na cita gastronómica: Costumes Empanadas de Galicia; Queixo Galmesán; Chichalovers; Bonilla a la vista; A Conserveira; Mariscos de Barallobre e Algas Mar de Ardora. Todos eles valoraron moi positivamente a súa participación neste foro, "é unha oportunidade moi grande para nós, e levámonos contactos moi interesantes", afirmaron.

"Estamos encantados de participar nunha edición máis do Gastronomic Fórum Barcelona, e máis vendo o éxito dos produtores e chefs que nos acompañaron que, ademais de encher de público todas as actividades que desenvolveron no noso stand, fixeron negocio e captaron oportunidades comerciais", sinalou Regueira.