‘A provincia que sabe’ fai parada en Etiqueta Negra (Pontevedra)
Na oitava edición da feira do 'gourmet' galego, que se vai celebrar en Pontevedra do 9 ao 11 de novembro, serán protagonistas a cociña en vivo de Concha Casares, de Casa Alongos (Melide), e os produtos de Cafés Aruba (A Coruña), Vermú Lodeiros (Santiago de Compostela), Casa da Avoa (Outes), Pandejuevo (Cee), A Despensa D´Lujo (Coristanco), Martietas de Fío (Bergondo) e Cafés Lúa (Carballo)
Na programación de Turismo da Deputación na feira ten tamén un oco a presentación do proxecto da firma coruñesa Sementares, a única en Galicia que recibiu a máxima categoría como viveiro produtor de sementes
Logo do éxito recollido esta semana no Gastronomic Forum Barcelona, a campaña de Turismo da Deputación da Coruña 'A provincia que sabe' fai parada en Etiqueta Negra, a feira do 'gourmet' galego, que cumpre a súa oitava edición e se vai celebrar en Pontevedra do 9 ao 11 de novembro.
Desta volta, na caseta da área de Turismo provincial serán protagonistas a cociña en vivo de Concha Casares, de Casa Alongos (Melide), e os produtos de Cafés Aruba (A Coruña), Vermú Lodeiros (Santiago de Compostela), Casa da Avoa (Outes), Pandejuevo (Cee), A Despensa D´Lujo (Coristanco), Martietas de Fío (Bergondo) e Cafés Lúa (Carballo).
Tamén haberá un espazo no programa para a presentación do proxecto da firma coruñesa Sementares, a única en Galicia que recibiu a máxima categoría como viveiro produtor de sementes.
"Como vimos facendo nos últimos dous anos coa marca 'A provincia que sabe'", explica o vicepresidente da Deputación e titular de Turismo, Xosé Regueira, "levaremos a Etiqueta Negra cociñeiros e cociñeiras e produtores comprometidos coa sostibilidade, que nos axudan a captar un perfil turístico máis responsable e que están a innovar no sector agroalimentario, producindo e transformando alimentos singulares e de excelente calidade".
Para Regueira, a feira pontevedresa é un foro idóneo para seguir promovendo "a excelencia da cadea agroalimentaria do territorio coruñés": "É un escaparate perfecto para coñecer as tendencias de mercado, identificar novas liñas de negocio e difundir a excelencia das exquisiteces dos nosos produtos, elaborados coa mellor materia prima e con sabor auténtico á nosa provincia".
Programa de Turismo da Deputación
Sábado 9
- 11 h. Almorzo saudable. Con Cafés Aruba, da Coruña.
- 13 h. 'Showcooking'. Con Concha Casares, de Casa Alongos, de Melide.
- 14 h. Momento vermú. Con Vermú Lodeiros, de Santiago de Compostela.
- 15 h. 'Showcooking'. Con Concha Casares, de Casa Alongos, de Melide.
- 18 h. Momento merenda. Con Casa da Avoa, de Outes.
Domingo 10
- 11 h. Almorzo saudable. Con Cafés Aruba, da Coruña.
- 12 h. Presentación e degustación de produtos de Pandejuevo, de Cee.
- 13 h. 'Showcooking'. Con Concha Casares, de Casa Alongos, de Melide.
- 15 h. 'Showcooking'. Con Concha Casares, de Casa Alongos, de Melide.
- 16 h. Presentación do Proxecto Sementares, da Coruña. Con Fernando Almeida.
- 16.30 h. Degustación de fabada galaica. Coa Despensa D´Lujo, de Coristanco.
- 17 h. Presentación e degustación das galletas de Marietas de Fío, de Bergondo.
- 18 h. Momento merenda. Coa Casa da Avoa, de Outes.
Luns 11
- De 11 a 13 h. Degustación de café. Con Cafés Lúa, de Carballo.
- 11.30 h. Presentación e degustación "O sabor do nadal nun café. Café 'blend' de nadal". Con Cafés Lúa, de Carballo.
- 13 h. 'Showcooking'. Con Concha Casares, de Casa Alongos, de Melide.
- 15 h. Showcooking'. Con Concha Casares, de Casa Alongos, de Melide.