Estás en:Novas

Regueira reivindica na Maker Faire Galicia a importancia de preservar os oficios artesanais

O vicepresidente participou esta mañá na inauguración da xornada dos oficios que se celebra na Casa de Máquinas, en Santiago de Compostela

A entidade provincial participa nesta cita co "Mercado na Deputación" cunha decena de postos de artesanía da provincia

Regueira reivindica na Maker Faire Galicia a importancia de preservar os oficios artesanais

A compostelá Casa de Máquinas acolleu esta mañá a inauguración da xornada dos oficios da Maker Faire Galicia, un evento que conta co apoio da Deputación. O vicepresidente, Xosé Regueira, acudiu á presentación, onde sinalou a importancia de preservar os oficios artesanais.

"Estamos nun momento de crise dos oficios artesanais, e é unha verdadeira mágoa. Eventos como este son fundamentais para que a mocidade vexa o atractivo destes oficios e os considere como unha alternativa de futuro, que tamén supoñen unha oportunidade para a reactivación de determinados espazos en cidades, barrios e do medio rural" apuntou Regueira. Neste sentido, animou á xente moza a "recuperar e dar valor a estes oficios tradicionais".

A entidade provincial participa nesta feira co seu "Mercado da Deputación", cun total de 10 postos de artesanía: Jorge Eiroa Forxa; Susana Anta Cerámica; Na Mea Nani; D Rositas; Deica Ceracións; Carmelamola; Amor O Teu; Feito A Man; Jerolas e Haciendo El Galgo.

O vicepresidente explicou que "traemos unha parte do proxecto de artesanía da Deputación, para visibilizar e tamén darlle soporte ao talento artesán que temos na provincia" a un evento "que sabe combinar moi ben a modernidade e a tradición, reflectindo o traballo deses artesáns que combinan un traballo milenario coas novas ferramentas dixitais que nos ofrece o mundo contemporáneo".