Estás en:Novas

Formoso recibe na Deputación ao novo almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol

Formoso recibe na Deputación ao novo almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu esta mañá no seu despacho da institución provincial ao novo almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Gonzalo Villar Rodríguez.

A visita enmárcase dentro da rolda de contactos institucionais que o máximo responsable do Arsenal ferrolán, principal base de apoio loxístico da Armada na Zona Marítima do Cantábrico, está a efectuar con motivo da súa recente toma de posesión.

Nesta primeira toma de contacto oficial entre ambos os dous mandatarios na sede provincial, Formoso e Villar conversaron arredor das súas respectivas competencias e, ao remate da reunión, o almirante asinou no Libro de Ouro da Deputación.

O novo almirante do Arsenal de Ferrol naceu en Madrid e ingresou na Armada en 1985. Foi comandante dos buques Empalmador, Tabarca, Atalaya e Patiño e da 31ª escuadrilla de superficie, composta por cinco fragatas F-100 e os buques de aprovisionamento Cantabria e Patiño, con base en Ferrol.

Participou en numerosos operativos internacionais, entre elas a liberación de Kuwait ou o embargo na antiga Iugoslavia, e recentemente comandou o grupo de combate expedicionario "Dédalo" durante 2023 e 2024.