Estás en:Novas

Formoso reclama “maior implicación política” para lograr a integración real das persoas con TEA, especialmente no ámbito educativo

Pediu "máis convicción" á Xunta de Galicia á hora de afrontar as problemáticas no eido educativo, onde "queda moito por facer e se precisa unha maior implicación para lograr unha integración real dos alumnos e alumnas con TEA", que precisan de apoios educativos especializados dos que moitas veces carecen ou son insuficientes.

O presidente felicita á Fundación Autismo Coruña polos seus 25 anos de defensa dos dereitos das persoas con TEA e as súas familias

Formoso reclama “maior implicación política” para lograr a integración real das persoas con TEA, especialmente no ámbito educativo

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá na Fundación Barrié da Coruña no acto de conmemoración do 25 aniversario da Fundación Autismo Coruña (FAC). O acto contou tamén coa presencia da directora xeral de Discapacidade da Xunta de Galicia, Begoña Abeijón, da concelleira de Benestar Social da Coruña, Nereida Canosa, e da presidenta da Fundación Autismo Coruña, María José Álvarez Folgar, entre outros.

Na súa intervención, Formoso felicitou á FAC polos seus 25 anos de historia, unha traxectoria que supón "a consolidación dun proxecto dedicado durante todo este tempo a defender e reivindicar os dereitos das persoas con TEA e a prestar apoio ás súas familias" e subliñou o compromiso da Deputación coa mellora da calidade de vida das persoas con TEA, apoiando de forma continua a actividade de entidades como a FAC ou ASPANAES "que son un soporte fundamental para miles de familias nesta provincia".

O presidente lembrou que máis de 450.000 persoas en España e máis de 27.000 en Galicia presentan trastornos do espectro autista que "precisan de apoio técnico, psicolóxico e educativo especializado" e pediu "máis convicción á Xunta de Galicia á hora de afrontar estas problemáticas", especialmente no eido educativo, onde "queda moito por facer e se precisa unha maior implicación política para lograr unha integración real dos alumnos e alumnas con TEA", que precisan de recursos educativos especializados dos que moitas veces carecen ou son insuficientes.

"Estamos aquí hoxe en recoñecemento ao traballo que fan estas entidades e ás familias que afrontan un reto enorme", afirmou o presidente, que defendeu a necesidade de que as administracións prioricen o investimento social para lograr unha sociedade máis inclusiva.