A deputada de igualdade inaugura as xornadas “Resistencia Feminista ó colpaso” organizadas polo CIFEX
O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da Universidade de Santiago de Compostela celebra hoxe e mañá estas xornadas centradas no feminismo ecolóxico
A Deputación colabora con este centro a través dun convenio para o financiamento das súas actividades
A deputada de igualdade, Soledad Agra, participou hoxe na inauguración das XVI Xornadas CIFEX: Resistencia feminista ao colapso, organizadas polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da Universidade de Santiago de Compostela (CIFEX) e que se desenvolverán hoxe e mañá na facultade de filoloxía. A área de igualdade da Deputación colabora con este centro a través dun convenio para o financiamento das súas actividades, como estas xornadas.
Soledad Agra puxo en valor "espazos como estes, e outras iniciativas como os cafés do CIFEX ou as xornadas internacionais" xa que "nos permiten coñecer a mulleres que non só se resisten e sobreviven, senón que actúan e nos animan a analizar, debater e ollar dun xeito crítico o que está pasando ao noso arredor".
Ademais, fixo referencia ao apoio da Deputación a este centro, "porque consideramos que é imprescindíbel reparar unha eiva histórica, a falta de estudos de xénero, en todos os ámbitos. En cada feito do noso día a día, porque o máis persoal transcende ó propio para abarcar o de todas, para volverse internacional e político, e como político merecedor de ser suxeito de estudo".
O CIFEX actúa como centro aglutinador e de máxima coordinación na investigación das relacións e roles de xénero e das mulleres, sobre todo desde o punto de vista da relevancia social e, particularmente con vistas ao coñecemento educativo, psicolóxico, social, histórico, lingüístico, filosófico, biolóxico, médico e xurídico, entre outros.