Estás en:Novas

A Deputación colabora na organización dunhas xornadas sobre medidas de fomento dunha vivenda colaborativa

A actividade que se celebra este venres no pazo provincial está organizada pola Rede de Economía alternativa e solidaria (REAS Galicia)

A xornada está aberta ao conxunto da poboación que quere coñecer e colaborar neste modelo como alternativa á crise actual da vivenda

A Deputación colabora na organización dunhas xornadas sobre medidas de fomento dunha vivenda colaborativa

O pazo provincial da Deputación acollerá este venres unha xornada sobre vivenda colaborativa. Nela, abordarase a necesidade de buscar solucións alternativas que poñan as persoas no centro no actual contexto de crise habitacional, procurando outros modos de vida, relación e tenza; e que faciliten a chegada de recursos privados destinados á creación dun parque de vivendas dignas a un prezo estable.

Con estes obxectivos xorden os modelos de vivenda colaborativa en cesión de uso, que teñen a propiedade colectiva e o dereito de uso como principais características. Arredor de eles florecen proxectos cun marcado interese social, vinculados a unha economía solidaria, e onde a colaboración público-comunitaria pode xogar un papel fundamental desenvolvendo proxectos non especulativos.

O Grupo Galego de Vivenda Colaborativa, que forma parte de REAS Galiza (Redes de Economía Alternativa e Solidaria) organiza, co apoio da Deputación da Coruña, unha xornada con diferentes palestras e unha mesa redonda o vindeiro venres día 15, de 10 a 15h, na Sala Juanjo Gallo do edificio da Deputación de A Coruña (Avenida do Porto nº2).

Esta xornada, baixo o nome "Medidas para o fomento da vivenda colaborativa fronte a crise da vivenda. Vantaxes da colaboración publico-comunitaria" está aberta ao conxunto da poboación interesada en coñecer e colaborar neste modelo como alternativa á crise actual da vivenda.