Estás en:Novas

A Deputación da Coruña impulsa con 650.000 euros a actividade das confrarías de pescadores e agrupacións marisqueiras da provincia

Publicadas no BOP as bases das axudas para 2025, que financiarán tanto a actividade das confrarías como as festas de exaltación de produtos pesqueiros locais

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, mantivo varias reunións coas confrarías para recoller as súas demandas e plasmalas nesta liña de subvencións

A Deputación da Coruña impulsa con 650.000 euros a actividade das confrarías de pescadores e agrupacións marisqueiras da provincia

Foto (Arquivo) Visita do presidente e a deputada á confraría de pescadores de Ferrol

Deputación da Coruña vén de publicar no BOP as bases das subvencións destinadas ás confrarías de pescadores e agrupacións marisqueiras da provincia para o fomento da súa actividade e a promoción dos seus produtos durante 2025, cun orzamento de 650.000 euros.

As axudas convócanse anticipadamente co obxecto de que os pósitos podan contar con elas a partir do 1 de xaneiro do vindeiro ano.

As subvencións manteñen o incremento orzamentario xa aplicado este ano, cando pasaron de 500.000 a 650.000 euros, co obxectivo de apoiar non só as actividades, funcionamento e contratación de servizos dos pósitos (ás que se destina medio millón de euros), senón tamén as festas de exaltación de produtos pesqueiros de proximidade, para as que se destinan 150.000 euros, atendendo así unha das demandas do sector.

En 2025, as axudas que recibirá cada confraría oscilan entre os 7.500 e os 37.500 euros que poden destinar á contratación de persoal, adquisición de sementes de moluscos, alugueiro de maquinaria ou equipamentos necesarios para o desenvolvemento das actividades de confrarías, lonxas ou fábricas de xeo ou contratación de servizos externos, como a vixilancia; mentres que as axudas para festas de exaltación de produtos locais do mar oscilarán entre os 1.200 € e os 15.000 euros.

A deputada provincial responsable da área de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, mantivo durante o ano varias reunións coas confrarías da provincia para recoller de primeira man as súas demandas e necesidades e plasmalas nestas axudas. De feito, a deputada lembrou "a importancia social e económica que os sectores pesqueiro e marisqueiro teñen na provincia da Coruña, onde xeran miles de empregos".

"Desde a Deputación da Coruña queremos seguir apoiando a un sector estratéxico na nosa provincia", apuntou a Capelán, que destacou que "as axudas chegan á práctica totalidade dos pósitos da provincia e supoñen unha axuda fundamental para o seu funcionamento".

Ligazón ao BOP coas bases da axudas:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/11/11/2024_0000007925.html