Estás en:Novas

A Deputación da Coruña reúne a expertos e confrarías da provincia para abordar os retos de futuro do sector pesqueiro

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, afirma que o encontro "reunirá a expertos e representantes do sector para abordar os retos e as estratexias necesarias para asegurar a sustentabilidade da pesca artesanal e dos recursos mariños"

A Deputación da Coruña reúne a expertos e confrarías da provincia para abordar os retos de futuro do sector pesqueiro

A Deputación da Coruña organiza as xornadas "Rumbo sostible: Conversacións sobre o futuro que queremos para o sector pesqueiro", un encontro clave para abordar a sustentabilidade no sector pesqueiro galego, que se celebrará o sábado 30 de novembro a partir das 9:30 horas na sede da Deputación.

A deputada da área de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, que presentou hoxe a xornada, afirmou que o encontro "reunirá a expertos e representantes do sector e servirá para abordar conxuntamente os retos e as estratexias necesarias para asegurar a sustentabilidade da pesca artesanal e dos recursos mariños".

Na xornada participarán destacados representantes do sector pesqueiro, do ámbito académico e da xestión de recursos mariños, así como representes das confrarías de pescadores da provincia. Na primeira parte da sesión, analizaranse os principais retos do litoral galego e o seu impacto na actividade pesqueira. Esta sección contará coa participación de persoal investigador do Future Oceans Lab da Universidade de Vigo (UVigo), quen abordará a afección do cambio climático na frota artesanal. A continuación, persoal investigador do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e do Instituto de Investigacións Mariñas (IMM-CSIC) falará sobre a sustentabilidade dos recursos pesqueiros e marisqueiros. Finalmente, o Grupo de Biodiversidade e Botánica Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), xunto co asesor técnico da Organización de Productores Pesqueiros Artesanais da Lonxa de Conil, ofrecerán unha visión sobre as alteracións nos ecosistemas costeiros.

Despois dunha pausa para o café, retomarase a xornada e representantes das confrarías de Noia, Barallobre e Aguiño abordarán as estratexias de comercialización para a revalorización dos produtos pesqueiros. A continuación, intervirán representantes do Órgano de xestión da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro (RMIP) Os Miñarzos e do sector implicado na súa creación, así como persoal investigador do IMM-CSIC, quen afondarán en ferramentas para unha xestión pesqueira sostible. Pechará esta sesión unha intervención sobre a diversificación cara actividades complementarias, en que participarán representantes da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores (FNCP), do Grupo de Investigación Biocost da Universidade da Coruña (UDC) e da Confraría de Cangas.

O peche da xornada estará dedicado á presentación de casos de éxito e boas prácticas na sustentabilidade do sector pesqueiro galego. Este espazo servirá para recompilar as conclusións clave da xornada e ofrecer unha folla de ruta práctica e estratéxica para futuras accións e colaboracións, co obxectivo de consolidar un modelo pesqueiro que combine produtividade e respecto polo medio ambiente.

A Deputación da Coruña continúa reafirmando o seu compromiso co futuro sostible do sector pesqueiro galego, convencida de que a colaboración entre institucións, comunidade científica e sector pesqueiro é fundamental para afrontar os retos que ameazan os nosos ecosistemas mariños. Estas xornadas son un paso máis para impulsar prácticas responsables e fomentar o diálogo necesario para protexer os recursos pesqueiros das nosas rías, garantindo a súa preservación para as xeracións futuras e fortalecendo ao mesmo tempo a economía local.

Para inscribirte nas xornadas: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSf-5SNiu34pQh5HM1RXUj_89-jO3ZE_QpKuZVdvFFoV-PwNtQ/viewform