Estás en:Novas

A Deputación apoia con 3,8 millóns ás entidades sociais da provincia na execución de programas, servizos, contratación de persoal e mellora dos seus centros

O prazo de solicitude das subvencións para entidades sociais en 2025 están abertas dende mañá ata o 16 de decembro

Formoso destaca que este importante apoio chega a máis de 270 entidades da provincia e "mellora a vida de miles de persoas en situacións especialmente vulnerables"

A Deputación apoia con 3,8 millóns ás entidades sociais da provincia na execución de programas, servizos, contratación de persoal e mellora dos seus centros

Foto (ARQUIVO). Visita do presidente e a deputada de Política Social á Asociación Misela de Noia

A Deputación da Coruña vén de publicar as bases de cinco liñas de subvencións cun orzamento total de 3,8 millóns de euros destinadas ás entidades sen ánimo de lucro da provincia que actúen no ámbito dos servizos sociais e a igualdade durante 2025. As entidades poden solicitar estas axudas desde mañá venres, 15 de novembro, ata as 14.00 horas do vindeiro 16 de decembro de 2024.

"Estas liñas de subvencións completaranse con outras adicionais para chegar aos 4,5 millóns de euros, cos que apoiamos a máis de 270 entidades na posta en marcha de programas e servizos, contratación de persoal e mellora dos seus centros", afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, para quen ese apoio permite "mellorar a vida de miles de persoas na provincia, moitas delas en situacións especialmente vulnerables". "Ese debe ser o obxectivo final da Deputación: prestar a nosa axuda a entidades que xeren iniciativas positivas na sociedade", apuntou o presidente.

Pola súa banda, a deputada de Política Social, Mar García Vidal, detallou as axudas van destinadas a apoiar programas de atención psicosocial, intervención socioeducativa, activación socio-laboral, inserción laboral e tratamentos terapéuticos ou preventivos; servizos das entidades sociais, igualdade de xénero e mantemento de centros sociais.

Deste xeito, a Deputación da Coruña lanza unha liña de axudas dotada con 900.000 euros para financiar programas de atención psicosocial, intervención socioeducativa, activación socio-laboral, inserción laboral e tratamentos terapéuticos ou preventivos. O máximo importe da subvención por entidade nesta liña será de 40.000 euros, destinados a financiar proxectos con orzamentos de entre 1.000 e 60.000 euros.

Por outra banda, a entidade provincial destinará 1.000.000 euros a financiar investimentos en servizos como centros de menores, de atención á infancia, residenciais, ocupacionais, de día, de acollida, bancos de alimentos, albergues ou comedores sociais, ademais de iniciativas relacionadas coa inserción laboral. A diferenza da anterior convocatoria descrita, o importe do orzamento de gastos pode variar entre os 750 euros e os 200.000, aínda que a cantidade máxima subvencionable é tamén de 60.000 euros.

Por último, tamén é oficial a convocatoria dun programa de subvencións para o mantemento de centros de servizos sociais, que conta con 900.000 euros de fondos e poderá financiar o 100% dos orzamentos presentados que vaian entre 80.000 e 10.000 euros. Neste caso, os gastos subvencionables abranguen a compra de bens destinados á actividade, materias primas, aprovisionamentos, arrendamentos, reparacións, transportes, seguros, subministracións ou publicidade e comunicación. Tamén se inclúe a posibilidade de financiar soldos, cargos da Seguridade Social e compensación de gastos por colaboracións.

Outra das liñas destina 500.000 euros para o financiamento de programas sociosanitarios dirixidos a persoas trasplantadas, con enfermidades pulmonares, renais, reumatolóxicas, neurodexenerativas, neurolóxicas, de cáncer e outras patoloxías crónicas ou agudas importantes que precisen coidados prolongados e rehabilitación. As axudas poden oscilar entre os 1.250 e os 100.000 euros por entidade.

Finalmente, unha liña de axudas específica, dotada con 550.000 euros, destínase ao mantemento de programas para a promoción da igualdade entre homes e mulleres e a programas de loita contra a violencia de xénero.

As bases reguladoras e apertura do prazo dos programas publicáronse no BOP de hoxe, 14 de novembro que pode consultar aquí:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/11/14/bop_220.pdf