Estás en:Novas

O novo coworking da Deputación en Miño ofrece unha contorna colaborativa para impulsar iniciativas emprendedoras

A deputada Rosa Ana García visitou o espazo, instalado na Casa do Pescador

O novo coworking da Deputación en Miño ofrece unha contorna colaborativa para impulsar iniciativas emprendedoras

A deputada de Emprego, Industria, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García, visitou a Casa do Pescador de Miño, o último espazo integrado na Rede Provincial de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña, destinado a fomentar o desenvolvemento económico e empresarial no municipio.

Durante a súa visita, a deputada puido coñecer de primeira man os recursos e servizos dispoñibles para emprendedores e emprendedoras da zona e destacou que a Rede conta xa con 11 centros de coworking na provincia, nos que se impulsan actualmente preto de 80 proxectos emprendedores.

A deputada foi recibida polo concelleiro José Manuel Pantín, responsable da área de Deporte, Turismo, Promoción Económica e Mocidade do Concello de Miño, quen detallou o obxectivo deste centro: ofrecer unha contorna colaborativa para iniciativas emprendedoras e novas empresas.

Pantín destacou a importancia do coworking para dinamizar a economía local e atraer a novos talentos, fomentando a innovación e o emprego xuvenil na contorna.

A Casa do Pescador de Miño, un espazo que forma parte da Rede Provincial de Espazos de Coworking, e que facilita as novas e novos emprendedores o acceso á infraestrutura, servizos de asesoramento e formación.

Este centro ten como misión proporcionar unha contorna de traballo flexible e adaptado ás necesidades dos proxectos empresariais, especialmente aqueles vinculados a sectores clave da comarca.

A rede de espazos de traballo colaborativo converteuse nun piar fundamental para o desenvolvemento económico dos municipios da provincia, ofrecendo aos emprendedores unha contorna profesional e de apoio para que os seus proxectos poidan medrar e prosperar.